A Deputación aprobará este mes novas medidas de apoio ante a crise do Covid 19

IES CHAMOSO LAMAS

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe por vía telemática a reunión semanal do Comité de seguimento da crise do COVID-19 na provincia de Ourense, reunión na que se deu a coñecer que a Deputación aprobará este mes novas medidas económicas e de apoio no marco da crise do coronavirus COVID-19. Baltar informou de que convocará este mes de abril un pleno extraordinario da corporación provincial.

O Comité de Seguimento do COVID-19 tamén analizou a excelente acollida que está a ter a posta a disposición do Pazo de Deportes Paco Paz como centro de apoio loxístico a transportistas e persoal esencial (forzas e corpos de seguridade, sanitarios, bombeiros e protección civil), anunciando como mellora no desenvolvemento desta iniciativa a posta en marcha dun servizo de desinfección (por ozono) para vehículos de transporte, sanitarios e policiais, no marco das estratexias contra o coronavirus. Este servizo prestarase na propia contorna do Pazo de Deportes.

OZOCOgz Deseño Galego

Dese a posta en marcha do servizo loxístico -o pasado venres- o Paco Paz acolleu a preto de douscentos profesionais dos diferentes sectores de actividade que levan a cabo o seu traballo de cooperación social, sanitaria, alimentaria e de seguridade, rexistrando a maior afluencia nas primeiras horas do día (de 6.00 a 10.00 horas), seguido das horas nocturnas e do mediodía.

Manuel Baltar confirmou, ademais, que todo o parque móbil da Deputación de Ourense ponse a disposición de organizacións sociais como Cruz Vermella, Cáritas e o Banco de Alimentos, entre outras, así como do Complexo Hospitalario de Ourense e das áreas de xestión integrada de Verín e Valdeorras para ofrecer apoio loxístico na repartición de material sanitario e de alimentos.

O presidente do goberno provincial afirma que nestes momentos é fundamental levar a iniciativa política para ser rápidos e eficaces na xestión, expresou, destacando a importancia de manter paralelamente e á mesma velocidade as accións sanitarias, sociais e económicas, para que a nosa sociedade recupere canto antes a normalidade en todos os ámbitos.

No seu labor de coordinación de accións para facer fronte á pandemia, a Deputación de Ourense celebrará mañá martes Xunta de Goberno, e o vindeiro mércores terá lugar a reunión do Comité do Día Despois, unha iniciativa do presidente Baltar que ten como obxectivo planificar a saída económica da crise do coronavirus inmediatamente despois de que se levante o estado de alarma, coa finalidade de pór en común medidas que se activarán desde o minuto uno do retorno á normalidade social, para poder favorecer, por medio dun traballo conxunto e coordinado, da man de autónomos, empresarios e do tecido produtivo ourensán, o relanzamento económico da provincia.