O historiador e profesor Carlos Méixome vén de publicar na Editorial Galaxia o seu libro “Polo avieiro de dona Emilia”, unha obra recopilatoria da memoria histórica persoal, familiar e social do autor que xira ao redor da estadía da recoñecida escritora na vila do Arenteiro durante as súas vacacións.
O concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández, acompañou esta mañá a Méixome na Casa do Concello nun acto preliminar do que será a presentación oficial deste libro, o vindeiro xoves. O edil salientou o traballo do autor “como historiador na recuperación da memoria de espazos, historias e persoas do Carballiño, nunha obra moi atractiva e de fácil lectura”.
Carlos Méixome referíuse a verba “avieiro” que figura no título para desvelar que se trata “dun acrónimo de Avia e Arenteiro representativo das dúas comarcas, coa súa capital no Carballiño, nas que Emilia Pardo Bazán tivo presenza ao estar casada con José Quiroga, dunha poderosa familia do Alto Ribeiro”. O autor apuntou que “dona Emilia é unha disculpa para recuperar a memoria e render unha homenaxe ao Carballiño”.

“Polo avieiro de dona Emilia” será presentado ao público en xeral o vindeiro xoves, 16 de abril, ás 20,00 horas, no Casino Cultural e Recreativo do Carballiño. Un acto no que Carlos Méixome estará acompañado polo director de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo; o autor do limiar, Gonzalo Navaza; o historiador e arqueólogo Felipe Senén López, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
















