Iniciativas sobre o Casco Histórico de Ribadavia

O CONCELLO DE RIBADAVIA INICIA OS TRÁMITES PARA DECLARAR O SEU CASCO HISTÓRICO COMO ÁREA DE REXENERACIÓN URBANA DE INTERÉS AUTONÓMICO

Estas áreas creanse ao abeiro da lei 1/2019 de 22 de abril, de rehabilitación e de rexenreación e renovación urbana de Galicia, para actuar en cascos históricos declarados Ben de Interés Cultural.

AVANTAR ACTIVIDADES

O concello de Ribadavia iniciou os trámites para traballar a prol da declaración do casco Histórico de Ribadavia como área de rexeneración urbana de Interés autonómico. As áreas Rexurbe, nome que reciben estas áreas de rexeneración urbana de interés autonómico, creáronse ao abeiro da Lei 1/2029 de 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbana de Galicia, coa finalidade de adoptar medidas de rexeneración, sociais, ambientais e económicas en conxuntos históricos degradados que teñan a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC).

Foto Galicia máxica

Estas áreas REXURBE teñen que contar cun plan de dinamización como figura central de deseño do futuro da zona, que fixe unha meta e a folla de ruta a seguir, mediante o estudo dos distintos usos alternativos, a análise, no seu caso, das modificacións urbanísticas precisas e a elaboración dun proxecto de financiamento que sirva para concentrar os esforzos da iniciativa pública, tanto dos distintos departamentos da Xunta de Galicia como do resto de administracións, sen esquecer a iniciativa particular. A día de hoxe en Galicia só o concello de Mondoñedo ten declarada unha área Rexurbe, polo que Rivadavia sería dos primeiros concellos de Galicia en poder contar tamén con esta declaración.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández sinalou que “estas áreas rexurbe que posibilitan adoptar medidas integrais de intervención nos cascos históricos declarados BIC, de tal xeito que esta nova figura inclúe non só medidas de rexeneración de edificios, senón tamén iniciativas sociais, demográficas e económicas. Todo esto implica levar a cabo actuacións públicas e privadas para mellorar os inmobles existentes, e tamén sociais, económicas e medioambientais para mellorar as condicións de vida e a creación de postos de traballo“.

Cesar Fernández destacou que “con esta nova figura que contempla a lei de rehabilitación urbana de Galicia, temos a posibilidade de realizar actuacións de rehabilitación ao mesmo tempo que se articulan medidas sociais, urbanísticas, ambientais e económicas, enmarcadas nunha estratexia administrativa global e unitaria. De tal xeito que haberá que elaborar para todo o casco histórico un plan de dinamización como un instrumento estratéxico, que marcará as actuacións que se deben realizar tanto en materia de rehabilitación das vivendas e de protección do patrimonio cultural coma de todas aquelas medidas que contribúan a unha revitalización integral do ámbito. Este plan de dinamización  deberá ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e terá que incluir medidas de impulso das diferentes administracións participantes.”