Ribeiro en Común ofrece diálogo nos Orzamentos

Ribeiro en Común ofrece diálogo nos Orzamentos a cambio da defensa do Colexio da Alameda e o compromiso para a súa reforma.

Ribeiro en Común esíxelle ao goberno local que se sume á defensa do Colexio da Alameda, fronte á dirección do centro que decidiu o seu peche, coa complicidade da Alcaldía.

AVANTAR ACTIVIDADES

NOTA DE RIBEIRO EN COMÚN

O noso grupo propuxo en Pleno a inclusión nos Orzamentos Municipais 2020 o compromiso do Concello con este colexio para así garantir a súa continuidade e evitar o seu peche.

Para Ribeiro en Común a realización de melloras neste edificio é algo que posibilitaría a súa continuidade, neste sentido pide diálogo e consenso municipal en defensa deste centro e se inicien accións do Concello de defensa da continuidade deste Colexio diante da dirección do centro e da Xunta de Galicia.

De existir este compromiso municipal en defensa do Colexio da Alameda e a creación de partidas para a mellora do edificio, Ribeiro en Común comprometese a abrir un diálogo con todos os grupos de cara a aprobación duns novos Orzamentos para Ribadavia.

Trataríase de garantir dereitos por parte do Concello, xa que a Ribeiro en Común cónstalle que é unánime a opinión da cidadanía de Ribadavia contraria a este peche, xa que tamén ás nais e pais que prefiren levar ás súas fillas ao Colexio da Agrupación tampouco queren o peche do colexio da Alameda.

Ribeiro en Común tamén respecta e comprometese a garantir que as nais e pais que queren levar aos seus fillos á Agrupación (rúa do Carballiño) poidan facelo, así nos comprometemos no Pleno, pero tamén reclamamos que as nais e pais que queren seguir no Colexio da Alameda poidan facelo e non vexan negados os seus dereitos. En tal caso, debe ser o Centro quen garanta esta posibilidade pero o Concello debe poñerse de lado dos seus veciños e veciñas e non deixalos desamparados cun silencio cómplice.

Ribeiro en Común pide a unidade de todos os partidos e da sociedade en defensa do Colexio da Alameda, independentemente das preferencias políticas e educativas, sería un fracaso colectivo como pobo permitir o peche deste Colexio e a mensaxe pública que estariamos a dar sería moi negativa para Ribadavia. Pola nosa banda faremos todo o que estea na nosa man para conseguir a súa continuidade.