Hoxe e maña en Punxín: 1ª Festa do xabarín e da caza

 O Concello de Punxín prepárase para acoller a 1ª Festa do xabarín e da caza cun completo programa de actividades que inclúe charlas, concursos, música, así como stands dedicados a este sector e a diferentes produtos da zona. A presentación deste evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e o tenente de alcalde de Punxín, Manuel Vázquez e Eulogio González, respectivamente; os organizadores da empresa Mas Music, Carlos González e María Dolores Da Silva; e o presidente da asociación mesa galega pola caza, Manuel Martínez.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que “da a coñecer o territorio e as súas potencialidades, dinamizando o rural e a economía local da zona”, sinalou Rosendo Fernández. Neste mesmo sentido, o alcalde de Punxín, quen agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, animou a todos a gozar desta celebración. Así mesmo, Eulogio González dixo que esta festa é “unha forma moi boa de situar a Punxín no mapa” e adiantou que desde o concello poñerán un stand tamén para promocionar o municipio.  

A Festa, que se celebrará os días 7 e 8 de marzo, ten como obxectivo principal dinamizar a zona e dar a coñecer o potencial do sector da caza, ademais dos produtos locais e a súa contorna, explicou María Dolores Da Silva. Ademais da degustación e das actividades complementarias, Manuel Martínez lembrou que “a base de calquera actividade son a formación e a información” e que, por elo, desenvolveranse “xornadas formativas moi interesantes con relatores como o presidente da Asociación do Corzo Español, Florencio Laminja Markina”, e ademais a programación inclúe unha exhibición de cans de caza.

As actividades da festa comezarán ambos días a partir das 10.00 horas. Na primeira xornada do sábado, 7 de marzo, haberá charlas sobre a caza e o xabarín, postos de artesanía e caza, tiro con arco, entrega de premios do concurso de carteis, actuacións do Grupo de música e baile tradicional Rebulir e da Charanga Os Támega. Ao día seguinte, o 8 de marzo, haberá unha exhibición de cans de caza, mercadillo, tiro con arco, animación, música, xogos para os máis cativos, entrega de premios de cans de caza, entre outras actividades. En ambas xornadas, os asistentes poderán degustar a carne de xabarín.