O Psedg Psoe impulsa 15 medidas de 12,5 millóns para Ourense

O PSdeG-PSOE presentou no Concello de Ourense unha batería de 15 medidas por importe de 12,5 millóns de euros, co fin de mitigar os efectos coronavirus SARS-COV-2 na terceira cidade de Galicia. As propostas suman 12.591.233 euros en axudas directas, así como outras adicionais baseadas na reactivación económica, na ampliación de dereitos, no reforzo da seguridade publica ou na mellora dos servizos de xestión municipal.

O voceiro, Rafa Villarino, explica que “é perentorio tratar este problema cunha perspectiva global e cun abano temporal amplo, e non só con medidas desconectadas durante esta fase crítica”. O socialista chama a todas as formacións políticas municipais a “traballar desde hoxe en clave de futuro e con amplitude de miras”. “Temos que unir as nosas forzas para axudar ós afectados e afectadas actuais, pero tamén para axudar a aquelas persoas que atravesarán dificultades no futuro”, polo que considera “imprescindible” actuar coa “máxima previsión posible” a través desta batería de medidas “transversais” e “perfectamente asumibles para unha institución como o Concello de Ourense que ten na actualidade unha importante capacidade de investimento”.

AVANTAR ACTIVIDADES

No ámbito socioeconómico a proposta impulsa a modificación de ordenanzas de taxas, establecéndose unha bonificación extraordinaria cun impacto nas contas municipais de 3.541.263 euros. Igualmente propoñen modificar a ordenanza do IBI para 2020 e a ordenanza do IAE para 2021 a través de bonificacións.

No referente á contratación de servizos públicos municipais, os socialistas piden a convocatoria da mesa de negociación colectiva para xullo de 2020, unha vez finalizada a crise, co obxecto de actualizar e validar a Relación de Postos de Traballo Municipal (RPT), así como a revisión urxente dos pregos de contratas en precario, co fin de ter en conta o impacto da situación actual.

Na política social, o PSdeG-PSOE de Ourense propón crear unha partida de emerxencia social extraordinaria dotada con 6.000.000 euros para investimentos en áreas como alimentación, vivenda, produtos de primeira necesidade ou apoio á infancia. Tamén reclama reforzar os servizos municipais de axuda no fogar e teleasistencia cunha partida de 2.000.000 €; 100.000 € para o servizo de albergue ampliando espazos se fose necesario; habilitar unha bolsa de axudas á conciliación para familias con menores de 14 anos ou con persoas en situación de dependencia empregando 300.000 € para este fin; crear unha rede de voluntariado específica investindo 20.000 € para o pagamento dos desprazamentos; ou creando un servizo de dispensación de metadona a domicilio a través da Unidade de Condutas Aditivas (UCA), co obxecto de evitar o desprazamento de persoas adictas.

No sector da limpeza e a hixiene pública demandan 500.000 € para ampliar efectivos e para incorporar protocolos de limpeza con produtos antivirais, así como prover de Equipos de Protección Individual (EPIs) ao persoal do servizo de limpeza encargado de recoller residuos de casos confirmados (100.000 €).

Por último nos ámbitos da seguridade pública e a información, os socialistas propoñen aumentar, de acordo coa Subdelegación do Goberno que ostenta o mando único, a presenza das forzas e corpos de seguridade do Estado no municipio, e habilitar unha páxina web e teléfonos de información gratuítos. 

Detallamos a relación completa das medidas:

–       Socioeconómicas e de contratación de servizos públicos:

o   Modificar a Ordenanza do IBI para 2020, con efecto nos seguintes artigos:

§  Artigo 8.4.

Incremento de bonificacións a familias con persoas discapacitadas:

Aumento ata o 90% por 100 da cota íntegra do imposto, cun límite de 900 euros, ás unidades familiares con persoas en situacion de discapacidade. O obxecto é estender esta bonificación a todas as familias, incluidas a monoparentais, sen necesidade de seren familia numerosa, como ata o de agora.

§  Artigo 11

Novo calendario fiscal:

Aprazamento voluntario de carácter rogado do ingreso do IBI en catro prazos ata 2021 sen xuros de demora (pagamento nos meses de setembro, novembro, xaneiro e marzo de 2021).

o   Modificación da Ordenanza do IAE para 2021, co obxecto de favorecer a implantación de iniciativas e a a creación de emprego en zonas estratéxicas como o casco antigo, ou naquelas onde é preciso realizar unha reactivación da actividade económica:

§  Introducción, en uso da facultades normativas do artigo 87.2 da Lei de Facendas Locais, dunha nova categoría de rúa cun coeficiente de situación do 0,4 (mínimo legal) para o casco antigo e rúas especialmente deprimidas en canto a actividade económica, co obxectivo de favorecer o establecemento de negocios e a creación de emprego.

o   Modificar ordenanzas de taxas, estabrecéndose unha bonificación extraordinaria na cota tributaria dun ano de duración dende a súa entrada en vigor (2020-2021) cun impacto nas contas municipais de 3.541.263 euros.

TAXA Previsto 2020 % Bonificacion Custe medida
Recollida lixo 8.328.050 25 2.082.013
Utilización auditorio 35.000 75 26.250
Licenzas urbanísticas 600.000 25 150.000
Expedición Documentos 80.000 100 80.000
Servizo de lonxas e mercados 30.000 50 15.000
Licenzas apertura 55.000 50 27.500
Mesas, cadeiras veladores 118.000 50 59.000
Prezo público transporte urbano 2.450.000 25 612.500
Prezo servizo axuda domicilio 470.000 50 235.000
Prezo servizos e centro día 80.000 50 40.000
Prezo comedor sobre rodas 89.000 50 44.500
Prezo Escola Teatro 10.500 100 10.500
Prezo Univ. Popular 100.000 100 100.000
Prezo. Escola de música 60.000 50 30.000
Prezo. Escola de idiomas 24.000 50 12.000
Prezo programas educativos 5.000 100 5.000
Prezo Viveiros Empresas 12.000 100 12.000


TOTAL 3.541.263

o   Medidas en materia de contratación:

§  Convocatoria da mesa de negociacion colectiva para xullo de 2020, unha vez finalizada a crise, co obxecto de actualizar e validar a Relación de Postos de Traballo Municipal (RPT), facilitando a incorporación de efectivos, bombeiros, policía, etc. co obxecto de mellorar a xestión do concello.

§  Revisión urxente dos pregos de contratas municipais en precario (bus ubano, axuda no fogar, control semafórico, auga, guindastre, etc.), en aras a reactivar un concello en situación de parálise administrativa e económica dende 2014 que, agora, se ve tamén afectado polo impacto da crise do coronavirus. Asemade, os prezos derivados dos pregos das novas concesións deberán ter en conta o impacto da situación actual de crise polo coronavirus.

–       Sociais:

o   Crear unha partida de emerxencia social extraordinaria causada pola crise do coronavirus dotada cun importe de 6.000.000 € en previsión do aumento da poboación da cidade que terá dificultades para cubrir gastos nas seguintes áreas: a) alimentos perecedoiros, para bebés ou persoas con dietas especiais debido a restricións alimentarias prescritas por persoal facultativo (persoas celíacas, diabéticas ou con outras necesidades), b) vivenda (aluguer, hipoteca, reparacións de acondicionamento ou habitabilidade da vivenda, compra de mobiliario), c) recibos (electricidade, gas, gasóleo, auga, leña, pellets ou equivalentes), d) produtos de hixiene e limpeza da vivenda (lixivia, deterxente, lavalouza e semellantes), produtos de aseo persoal (xabón, desodorizante, produtos de hixiene feminina…), e) produtos farmacéuticos prescritos polo persoal facultativo especialista ou polo persoal médico de atención primaria, f) electrodomésticos básicos (reparación ou merca de lavadora, quentador, cociña, etc.), g) desprazamentos a recursos asistenciais ou sanitarios fóra do propio municipio (para recibir tratamentos, facer xestións ou participar en actividades que non poidan levarse a cabo dentro del), h) lentes e audífonos, i) tratamentos de odontoloxía debidamente xustificados, j) próteses ou produtos de apoio para persoas en situación de  discapacidade, e k) gastos de apoio a infancia e de tipo educativo tales como libros e material escolar.

o   Reforzar os servizos municipais de:

§  Axuda no fogar, así coma de teleasistencia, coa contratación ─a través do remanente de caixa─ de máis medios, tal e como autorizou o Goberno do Estado respecto ao uso do superávit de 2019 en medidas sociais específicas para aplicar nestes momento de dificultades. Disporase dunha partida de 2.000.000 € con estas finalidades, de dedicándose 1,5 millóns a recuperar a partida de gasto dedicada a axuda no fogar por libre concorrencia, reducida nun millón de euros nos orzamentos previstos para 2020 polo actual grupo de goberno, mentres que os restantes 500.000 euros dedicaranse aos programas de teleasistencia e dependencia.

§  Albergue, habilitando partidas económicas para contratar persoal, mercar material e dispor de espazos adicionais (p. ex., pavillóns deportivos sen uso na crise) debidamente acondicionados para atender a todos os sen teito da cidade cumprindo as medidas de seguridade contra o contaxio. Disporase dunha partida de 100.000 € para estes fins.

§  Unidade de Condutas Aditivas (UCA), creando un servizo de dispensación de metadona a domicilio, co obxecto de evitar o desprazamento de persoas adictas en momentos nos que se debe promover o illamento para evitar contaxios. Esta función poderase realizar con persoal e vehículos do propio concello (p. ex., policía, bombeiros, persoal de parques e xardíns, etc.), ou mediante voluntariado.  

o   Habilitar unha bolsa de axudas á conciliación destinada a familias con crianzas menores de 14 anos ou con persoas en situación de dependencia ao seu cargo, pois coa reincorporación ao traballo e a ausencia de clases, as familias precisarán de persoas que coiden aos menores. Disporase dunha partida de 300.000 € para este fin.

o   Crear unha rede de voluntariado, reforzada por Protección Civil, que provea alimentos, medicinas e bens de primeira necesidade as persoas maiores do concello, así como a aquelas contaxiadas por coronavirus e as que presenten dificultades de mobilidade ou se atopen en situación de dependencia. Disporase dunha partida de 20.000 € para esta finalidade, destinada, basicamente, para o pagamento dos desprazamentos (19 céntimos por quilómetro).

–       Limpeza e hixiene pública:

o   Dotar de máis persoal e incorporar protocolos de limpeza con produtos antivirais para realizar, en sentido estrito, tarefas de desinfección de vías, servizos sanitarios e mobiliario urbano en paradas de buses, sen esquecerse da desinfección de espazos municipais frecuentados por persoal do concello, e, sobre todo, das contornas próximas a centros de día e residencias de maiores, tanto de tipo público como privado, debido á especial protección que precisa este grupo de alto risco (conformado por persoas maiores, en moitos casos dependentes e con dificultades respiratorias e de saúde que viven agrupadas, co risco que elo supón). Disporase dunha partida de 500.000 €.

o   Prover de Equipos de Protección Individual (EPIs) ao persoal do servizo de limpeza encargado de recoller residuos de casos confirmados de coronavirus, que deben recollerse de acordo cun protocolo específico. Partida de 100.000 €.

–       Seguridade pública:

o   Aumentar, de acordo coa Subdelegación do Goberno que ostenta o mando único, a presenza das forzas e corpos de seguridade do Estado para garantir a vixilancia do estado de emerxencia, previr as oportunidades de contaxio e axudar á poboación en todo o que sexa preciso.

–       Información e asesoramento:

o   Crear unha páxina web e habilitar teléfonos de información gratuítos sobre o COVID-19,co obxecto de informar e asesorar á cidadanía respecto dos protocolos de actuación para previr o contaxio do coronavirus, así como dos servizos municipais a dispor durante a crise, que se materilizará con recursos humanos e materiais propios.