Nota de prensa do BNG do Carballiño

Vista a situación actual que estamos a vivir nas últimas semanas, no relativo a concreción do estado de alarma decretado polo Goberno do Estado, que vén de ampliarse ata o vindeiro 11 de abril, no tocante as actuacións que debe levar a cabo o noso concello, dende o BNG solicitamos as seguintes medidas:

Publicidade

Medidas de información e comunicación
• Crear un apartado no web municipal “CORONAVIRUS” no que se informe de todas as novas, medidas e recomendacións relativas ao coronavirus.
• Actualizar e difundir por todos os medios do Concello a información coas recomendacións, teléfonos de contacto, resolucións da comisión de seguimento, información sanitaria, etc.
• Informar á corporación de todas as medidas que se tomen para poder aportar as melloras que se poida.

Medidas con voluntariado
• Posta en marcha, dende a Concellería de Servizos Sociais, dun programa de acompañamento telefónico ás persoas da terceira idade e a aquelas que son máis vulnerables, para evitar os efectos do illamento, coñecer de primeira man o seu estado e poder facer seguimentos diarios.
• Creación dun rexistro de voluntarios e voluntarias con perfís persoais e profesionais que poidan ser útiles neste momento (psicólog@s, traballadores e traballadoras sociais, estudantes ou profesionais de ramas sanitarias, etc.)
• Creación dun rexistro de ofertas voluntarias e demandas de bens e subministros que poidan ser de utilidade nestes momentos.

Medidas Sociais
• Implementar axudas de emerxencia ás familias para afrontar as necesidades dos e das menores, familias desfavorecidas e afectadas polo impacto da situación socioeconómica do coronavirus.
• Atención ás persoas sen fogar, adoptando as medidas necesarias para que se garanta o seu dereito á saúde.
• Esixir da Xunta de Galiza a atención ás residencias de persoas maiores, que garantan a saúde das persoas residentes e dos traballadores e traballadoras.
• Coordinar coas outras administracións un protocolo de atención e seguimento a vítimas de violencia machista durante o periodo de confinamento.
Medidas do Servizo de Limpeza
• Reforzar a desinfección e fumigación dos espazos públicos, especialmente aqueles de maior concentración de persoas e nos días de maior tránsito de veciños e veciñas: Centro de saúde, supermercados, farmacias, etc. Para a realización dos mesmos deberán traballar coordinados os voluntarios de Protección Civil e os integrantes da U.M.E. desprazados na contorna.
• Establecer un protocolo de “Recollida de lixo porta a porta”, baixo petición de persoas vulnerables.
• Establecer un protocolo de recollida de lixo a domicilio para posibeis doentes positivos por coronavirus.

Medidas para o Persoal e servizos de titularidade municipal
• Dotar de equipas de protección individual a todas as persoas que desenvolvan labores en contacto co público. Asegurar o cumprimento dos protocolos de prevención en todos os servizos de titularidade municipal.
• Impulso do teletraballo e da atención telefónica e/ou telemática, reducindo a atención presencial ao imprescindíbel.

Medidas fiscais
• Facer un plan de aprazamento, fraccionamento ou condonación, (ata onde a lexislación permita) dos impostos, recibos e taxas en función das situacións concretas de cada persoa ou empresa.
• Iniciar o estudo para a posta en marcha, pasado o período de emerxencia sanitaria, dun Plan de reactivación económica naquelas cuestións de competencia municipal.
• Reforzar as Axudas de Emerxencia Social para evitarmos situacións de exclusión. Polo tanto deberá incrementarse no necesario, a partida orzamentaria adicada para estes fins.
• Demandar a eliminación urxente da regra de gasto, xa que restrinxe a capacidade de investimento, de reforzamento dos servizos municipais e de contratación de persoal por parte das institucións locais, limitando enormemente a súa capacidade de resposta á crise.