200 profesionais manteñen co seu traballo as áreas da Deputación de Ourense que requiren actividade presencial

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Infraestruturas, Medio Ambiente, Pazo Provincial, Inorde, Instituto do Campo e Imprenta son os departamentos e sedes administrativas que estes días de confinamento, por mor da pandemia, continúan desenvolvendo servizos presenciais

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

VIDEO

Un labor que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recoñece “con máximo agradecemento polo que supón de profesionalidade e sacrificio nestes momentos”

Un total de 200 profesionais manteñen co seu traballo as áreas da Deputación de Ourense que estes días requiren actividade presencial. En concreto trátase de Infraestruturas, Medio Ambiente, Pazo Provincial, Inorde, Instituto do Campo e Imprenta. Son os departamentos e sedes administrativas que estes días de confinamento, por mor da pandemia do COVID-19, continúan desenvolvendo servizos presenciais. Un labor que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recoñece “con máximo agradecemento polo que supón de profesionalidade, implicación e sacrificio nestes momentos”.

No caso do Pazo Provincial e o Inorde, os departamentos que realizan traballo presencial, coas correspondentes quendas establecidas, son: Tesourería, Intervención, Contratación, Subvencións, Réxime Interior, Persoal, Investimentos, Planificación e Programas Europeos, ademais dos que desenvolven labores administrativos nas Áreas de Medio Ambiente e Vías e Obras. Así mesmo, o negociado do BOP e Imprenta desenvolve o seu traballo por quendas nas instalacións anexas do Pazo de Deportes “Paco Paz”. Pazo Provincial e Inorde, suman un total de 24 traballadores presenciais.

Pola súa banda, a área de Medio Ambiente coordina labores esenciais en 91 concellos da provincia e conta con 137 traballadores presenciais (o 79 % de total de adscritos a esta área), que levan a cabo o seu labor en limpeza viaria, inspección animal, servizos de abastecemento de auga potable, rede de canceiras e servizo de lacería, granxas, servizo de control analítico de augas de consumo humano, servizo de depuración de augas residuais, mantemento de iluminación pública, transferencia de residuos e Puntos Limpos, lavado de contedores, baldeo e recollida selectiva de residuos. Nesta listaxe inclúense ademais os traballadores da Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente S.A. ( AquaOurense) e os traballadores presenciais do Consorcio de Augas de Valdeorras.

Na área de Infraestruturas son 31 os traballadores que estes días, durante a vixencia do estado de alarma, desenvolven o seu labor presencial nas 264 estradas das que é titular a Deputación de Ourense. Estes profesionais son: vixiantes de estradas, brigadas de emerxencia, celadores, persoal do parque de abastecemento para as reparacións en estradas e taller de maquinaria.

Polo que respecta ao Centro Agrogandeiro de Xinzo de Limia, os catro traballadores que realizan quendas levan a cabo o seu labor no laboratorio coa recollida de mostras e analíticas, que funciona en servizos mínimos, aínda que coa suspensión presencial para o público, mantendo, ademais, as operacións de conservación de leiras de ensaio.

A todo este labor presencial súmase estes días o traballo de 170 profesionais da Deputación de Ourense que realizan o seu traballo telemáticamente, o que permitiu manter practicamente a normalidade dos servizos da Deputación mediante conexión informática desde os seus domicilios. Esta estratexia de potenciar o teletraballo forma parte das medidas implementadas para facer fronte á crise do coronavirus desde o punto de vista administrativo e ten como obxectivo reforzar as redes laborais telemáticas da Deputación de Ourense para seguir prestando os servizos a concellos e cidadáns con toda a capacidade resolutiva que as circunstancias telemáticas permítano.