O Coworking do Ribeiro segue súa actividade Telemáticamente

A primeira edición do espazo coworking do Ribeiro, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), continúa a desenvolver a súa actividade no actual contexto de confinamento activado pola emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19. Así, as 19 iniciativas de emprendemento que se están a acelerar para a súa próxima posta en marcha continúan a recibir formación, asesoramento e titoría á medida das súas necesidades de xeito telemático.

As actividades dos 21 emprendedores -12 mulleres e 9 homes- que participan na primeira convocatoria desta aceleradora céntranse na promoción da agroalimentación, o turismo rural e a economía circular. Así, desde o pasado mes de febreiro, estanse a impulsar proxectos de fabricación e envasado de aceite de oliva ecolóxico e vinagre artesán, exportación de produtos ecolóxicos, granxas tradicionais, cosmética natural, moda creativa, servizos culturais, de promoción e venda en liña e turismo cultural, medioambiental e deportivo.

AVANTAR ACTIVIDADES

O resto de espazos da rede promovida pola Xunta, que nesta edición conta con dúas novas aceleradoras máis ademais da do Ribeiro, tamén continúa as súas actividades en liña.
Os outros dous espazos abertos nesta convocatoria son o de Palas de Rei, centrado principalmente no impulso ao emprendemento relacionado co Camiño de Santiago, e o espazo do Morrazo, que iniciou a súa primeira edición na sede de Moaña o pasado 26 de febreiro.

Estas novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña luguesa (con sede en Mondoñedo); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela; e Ferrolterra (con sede en Ferrol),
O Salnés (Vilanova de Arousa); e a Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos.

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica e que leva impulsados máis de 1000 iniciativas de emprendemento. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.