O PP de Carballiño solicita medidas para garantir a distancia nas rúas

O GRUPO POPULAR SOLICITA AO CONCELLO QUE SE ADOPTEN MEDIDAS PRECISAS PARA QUE SE GARANTA O DISTANCIAMENTO SOCIAL NAS NOSAS RÚAS.

Publicidade

PEONALIZAR ALGÚNHAS RÚAS OU ALGÚN TRAMO DENDE POLO MENOS AS 16:00 ÁS 23:00 HORAS, CONVERTENDOAS EN BOULEVARES PODERÍA ALIVIAR A SITUACIÓN  XA QUE EN MOITAS ZONAS DO POBO AS BEIRARRÚAS NON PERMITEN MANTER A DISTANCIA DE SEGURIDADE.

MALEZA EN BEIRARRÚAS, FALTA DE MANTEMENTO DO PARQUE MUNICIPAL, E PASEOS DO RÍO ABANDONADOS SON FEITOS QUE DIFICULTAN O CUMPRIMENTO DAS NORMAS.

Tras os dous primeiros días nos que a poboación puidemos saír ás rúas en distintas franxas horarias, entendemos que se fai preciso que por parte do Concello do Carballiño se tomen algunhas medidas que favorezan e garantan a distancia social precisa nestes días.

Certas rúas do Carballiño, polo feito de ser peonís, estanse a converter nas zonas preferidas para os paseos, e mesmo se ve pasar por elas a algunha persoa facendo deporte nas horas marcadas, polo que dentro do tramo urbano, polo menos, poderíase habilitar algunha zona peonil a maiores para desconxestionar as rúas que están a ser máis transitadas.

Sería conveniente facer polo menos algunha rúa peonil de comunicación entre o centro urbano e o Parque municipal, que é unha das zonas máis frecuentadas nas horas destinadas a facer deporte e nas horas de paseo con nenos ou para maiores de 70 anos, por aqueles que teñen esta contorna dentro do seu km de distancia. Incluso a rúa principal convertese nun embude dende o seu remate ata a entrada do parque por mor das beirarrúas estreitas, non permitindo manter a distancia de seguridade.

Tendo en conta que durante a semana os menores de 13 anos, principalmente, aínda están conectados online ás súas clases e teñen tarefas, entendemos que se podería aumentar as peonalización dende as 16,00  h ata as 23,00  h, así como durante os domingos que corresponda e sempre e unicamente mentres a liberdade de movementos non sexa total.

No parque municipal deberíase de facer peonil a totalidade da Avda. do Arenteiro, habilitando tamén a calzada para peóns, pois as beirarrúas nalgún tramo fanse intransitables e o seu ancho faise insuficiente, polo que é imprescindible tamén darlle unha limpeza canto antes a estas zonas.

Nos tramos do paseo á beira do río Arenteiro, é IMPOSIBLE MANTER A DISTANCIA DE SEGURIDADE, xa que o estado de abandono en que se atopan fai que a maleza só deixe unha zona de paso duns 50  ctm, co que non se poden cruzar dúas persoas, polo que se deben facer traballos urxentes de limpeza, e mentres non se solucione, ou se organizan os tramos en dirección única, ou senón será mellor pechalos, porque ao ter que separarse 2 metros os peóns teranse que meter en zonas nas que non saben o que pisan.

Xa se sabía desde hai semanas, aínda que sen a precisión de horarios, que este  desconfinamento íase producir, e desde o Concello non se tomaron todas as medidas oportunas para que cando saísemos de casa atopásemos un Carballiño sen herbas nas beirarrúas, cos paseos desbrozados e co noso parque con garantías para ser transitado.

Os servizos de limpeza e de coidado do medio ambiente, ou sexa neste caso a brigada de medio ambiente, debería de ser organizada para atender estas circunstancias, sen esperar a ter que facelo cando a xente ten necesidade imperiosa de gozar como nunca unhas horas ao día destes espazos.

Desde o Grupo Popular, queremos felicitar á poboación por cumprir á normativa de horarios e distancia social, e queremos que o Concello lles facilite poder facelo con todas as garantías.