Deputación e Xunta completan o mapa de emerxencias da provincia de Ourense

Manuel Baltar, quen participou esta tarde en Santiago na sinatura do acordo entre Deputación, Xunta e Fegamp, destaca “a importancia que supón a cooperación nunha materia de tanta relevancia como é a seguridade das persoas e a protección do medio natural da provincia de Ourense”  

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe en Santiago, no Centro Gaiás, co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; co conselleiro de Medio Rural, José González, e co presidente da Fegamp, Alberto Varela, a addenda ao convenio de colaboración para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) na provincia de Ourense, “o que constitúe para Ourense unha satisfacción porque supón pechar o mapa provincial de emerxencias, o que facemos en cooperación coa Xunta de Galicia, como vimos facendo con outros proxectos nos que traballamos colaborando mutuamente como é o Centro Galego de Innovación da FP”, afirma Manuel Baltar. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha colaboración que o presidente do goberno provincial vén desenvolvendo e explicitando tamén cada ano cando comparece no Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos, “dentro dos cales, este mes, aprobaremos unha modificación que inclúe unha importante cooperación coa Xunta de Galicia no ámbito de apoio á hostalaría ou o bono turístico”, citou como exemplo. Baltar pon de relevo que a súa participación no acto de hoxe en Santiago “significa un paso máis na boa dirección para seguir afondando na alianza entre o goberno da provincia de Ourense e o autonómico, neste caso, dándolle tamén a benvida a dous novos GES, o da Veiga e o de Maceda”, sinalando que a cooperación en proxectos conxuntos “é o camiño”, un camiño que Baltar simboliza no que acontecerá o vindeiro 6 de abril, “cando se cumprirán 40 anos da Lei Orgánica que aprobou o Estatuto de Autonomía para Galicia, cerne do que hoxe significa o progreso de Galicia. E sendo básica a cooperación entre administracións, o tema de hoxe é de máxima importancia porque estamos a falar da xestión de emerxencias”, valora Manuel Baltar.   

O documento -que tamén foi rubricado polas restantes deputacións de Galicia- abrangue un acordo en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES), e na addenda recóllense aspectos relativos ao financiamento e unha modificación dos ámbitos de actuación dos GES e das súas sedes e subsedes, modificación que se realiza tras unha análise das necesidades de cobertura de zonas de sombra de cada provincia na que se buscaron as localizacións máis adecuadas para optimizar a atención á poboación e reducir os tempos de resposta. 

O documento tamén recolle a mellora da eficiencia na atención das emerxencias, no relativo á posibilidade de que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 poida mobilizar ao GES máis próximo ao lugar do incidente aínda que este lugar non pertenza a un concello dos asignados ao dito GES. Ao aumentar o número de ámbitos de actuación, aínda que a cantidade total destinada á prevención de incendios forestais non varía, si o fai a cantidade asignada a cada GES en materia de prevención. Asemade, en materia de formación, o acordo inclúe a posibilidade de facer excepcións á asistencia ao curso teórico-práctico impartido pola Academia Galega de Seguridade Pública, cando as persoas candidatas conten cun certificado de profesionalidade de extinción de incendios e salvamento. 

En canto á contribución ao financiamento dos GES, a Deputación de Ourense é de todas as de Galicia a que maior orzamento destina, con 1.062.666 euros. 

En todos os casos, cada GES contará cunha estrutura profesionalizada e de carácter permanente, que dea cobertura a toda a zona de actuación do grupo. No caso de que algún dos GES non fose constituído ou quedara vacante, sen prexuízo de que a prioridade sexa cubrir esas vacantes, con carácter excepcional, os restantes GES deberán atender a zona de actuación vacante a petición do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 que empregará coma criterio de mobilización a minimización do tempo de resposta. Sen prexuízo da relación de concellos asignados a cada GES o CIAE112 poderá avisar a aquel GES cuxo tempo de resposta sexa menor en función da localización da emerxencia. 

PUBLICIDADE