O Concello de Carballiño láiase da perda de José Luis Cuerda

O CONCELLO DO CARBALLIÑO LÁIASE DA PERDA DO CINEASTA JOSÉ LUIS CUERDA E TRANSMITE O SEU FONDO PESAR ÁS SÚAS FILLAS, DEMAIS FAMILIA E AMIGOS

Hoxe temos que laiarnos da perda dun gran cineasta e un gran amigo do Carballiño e do Ribeiro: José Luis Cuerda.

Desde o Concello do Carballiño queremos transmitir o noso máis fondo pesar ás súas fillas Elena e Irene, demais familia e amigos. E deixar testemuña da súa fonda pegada na nosa vila e comarca, e nos nosos corazóns.

Publicidade Premer na Imaxe

José Luis Cureda chegou a estas terras no ano 2000 para rodar a curtametraxe Primer amor, e dende entón visitou a nosa vila e comarca unha infinidade de veces, onde pasou moitas tempadas nos últimos vinte anos, tras comprar unha casa en Paradela de Moldes e despois, no ano 2002, un caserón do século XV en Cubilledo-Gomariz, onde creou a adega do seu viño San Clodio, e onde estableceu a dirección de Produccións A Modiño S.L.

O seu recordo como gran cineasta e intelectual, e sobre todo como persoa comprometida coa cultura e co Carballiño, onde deixa moi boas amizades, permanecerá sempre con nós.

COMUNICADO XUNTA DE PORTAVOCES

A Xunta de Portavoces, reunida hoxe no concello do Carballiño, quere expresar á familia e amistades de José Luis Cuerda o seu máis sentido pesar pola súa perda, e recoñecer públicamente o agarimo que mantivo polo Carballiño nestes últimos vinte anos, otorgándolle á nosa vila, xunto coas comarcas do Carballiño e do Ribeiro, o carácter de “patria electa”.