O fisco alemán eleva para o ano fiscal 2025 o mínimo exento para declarar a 12.096 euros anuais e incrementarase para 2026 aos 12.340 euros
Luís Gulín explica que “o mínimo estaba fixado en 2024 nos 11.874 euros” e apunta a que “esta situación afecta aos emigrantes retornados de Alemaña que están obrigados a facer a declaración da renda ante a facenda xermana”
Ourense, 3 de xaneiro de 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da área de migracións, informa de que o goberno alemán vén de fixar novos criterios fiscais para a realización da declaración da renda. O fisco alemán eleva para o ano fiscal 2025 o mínimo exento para declarar a 12.096 euros anuais e incrementarase para 2026 aos 12.340 euros.
Tal e como explican dende a secretaría provincial de migracións “o mínimo estaba fixado en 2024 nos 11.874 euros” e apuntan a que “esta situación afecta aos emigrantes retornados de Alemaña que están obrigados a facer a declaración da renda ante a facenda xermana”. O secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias, apunta a que “ao mesmo tempo, as e os emigrantes retornados de Alemaña que perciban só pensión de xubilación e/ou viuvez do país xermano, e ningunha prestación española, verán incrementada este mes de xaneiro a súa achega obrigatoria ao seguro médico e o seguro de dependencia das xestoras chamadas Krankenkasse.
“Se o ano 2024 a media de retención era un 14 por cento sobre a pensión, agora para o ano 2025 entidades como AOK, Techniker Krankenkasse ou BKK subirana ata un 19 por cento a partir deste mes de xaneiro”, subliña Gulín, que tamén apunta que isto significa que as e os emigrantes retornados de Alemaña “verán minguada a contía líquida da súa pensión mensual cunha media de 20 euros menos ao mes, en total 240 euros menos ao ano”.
Dende a secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense tamén poñen o foco en que no caso de non ter prestación de xubilación española para gozar de asistencia sanitaria en España, “estas persoas deben seguir cotizando mensualmente á seguridade social xermana”. Mesmo se lle aplicaría tamén o 19 por cento de retención para a chamada Krankenkasse á pensión española que tivese dereito a percibir en Alemaña.
“Con todo, os emigrantes retornados poden alegar estas cotizacións obrigatorias á seguridade social alemá como gastos deducibles na declaración da renda española”, finaliza afirmando Luís Gulín.