O persoal dos cinco distritos forestais de ourense leva realizadas máis de 2.600 desinfeccións

IES CHAMOSO LAMAS

Axentes ambientais e bombeiros foresais do Servizo de prevención de incendios forestais (SPIF) pertencentes aos cinco distritos forestais da provincia de Ourense levan realizadas xa máis de 2.600 desinfeccións nun total de 183 centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outro tipo de instalacións, como parte da súa colaboración voluntaria para previr o contaxio do coronavirus e incrementar a seguridade da poboación fronte á pandemia.

HIPER MASIDE

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliñou o gran labor que están a desenvolver estes profesionais da Consellería do Medio Rural para “axudar á contención da Covid-19 nos concellos rurais” e puxo en valor esta contribución.

Díaz Mouteira mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co xefe territorial do Medio Rural, Yago Borrajo, co xefe do servizo provincial, xunto con algúns dos voluntarios dos distintos colectivos que participaron nas actuacións nos cinco distritos da provincia (Ribeiro-Arenteiro, Miño-Arnoia, Valdeorras-Trives, Verín-Viana e A Limia), na que agradeceu o traballo que 115 profesionais “non dubidaron en realizar desde o minuto un, conscientes da necesidade de colaborar na loita contra o coronavirus, sen desatender a súa tarefa principal”.

En concreto, ata hoxe tiñan efectuadas un total de 2.632 desinfeccións en 183 centros, das cales o distrito XI (O Ribeiro-Arenteiro) fixo 664 en 37 centros; o distrito XII (Miño-Arnoia) realizou 979 limpezas en 64 centros; ao distrito XIII (Valdeorras-Trives) correspóndenlle 429 nun total de 33 centros; o distrito XIV vén de realizar 218 desenfeccións en 23 centros; e, por último, o distrito XV efectuou 342 limpezas en 26 centros. A nivel galego, as desenfeccións realizadas ascenden a 5.003.

Estes traballadores, que realizan este labor de xeito totalmente voluntario, interveñen nos concellos de menos de 5.000 habitantes e limpan tamén outros espazos públicos especialmente sensibles, como beirarrúas ou as zonas establecidas para a recollida do lixo. Contan coa debida formación e con todo o material de protección e desinfección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias establecidas ao respecto.

Están a realizar os labores de desinfección todos os días, incluídos fins de semana e festivos, durante as súas quendas de traballo. En todo caso, cómpre lembrar que todas estas funcións adicionais que realizan estes profesionais non impiden que desenvolvan a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar en todo o territorio galego.