VECIÑOS MANCHADOS DE TINTO

Antonio Míguez Amil

Técnico Responsable da Oficina de Turismo de Ribadavia

AVANTAR ACTIVIDADES

Director de Actividades de Ocio e Tempo Libre

International Higher Certificate in Wines and Spirits. WSET-London

Artigo : VECIÑOS MANCHADOS DE TINTO

A vida dos ribeiraos sempre estivo ligada aos da montaña, e viceversa, o meu amigo Darío, de Abelenda de Avión ten duas paixóns, o deporte e o viño. O Hernesto Raña casou en Beresmo coa Gelucha, que gran lugar para chantar de viñas, xusto nun outeiro entre o Avia e o Valderías, na beira deste regato criouse o Hernesto, e no aserradeiro da familia perdeu algo máis que uns dedos, tamén pasou invernos nos que a humidade e o frio non deixaban títere con cabeza. Contabame que antes de México houbo Alemaña e dalí o salto á aventura mexicana, onde os seus cravos e formigón forneceron as construccións de Puebla.

Nunca vin bailar tan ben a xota e a muiñeira a niguen cos seus anos. De volta a Beresmo tamén aprendeu a amar o viño do Ribeiro, o mesmo que o Sixto, o sogro de Darío, quen ben podería tocar na Lira de Ribadavia. Curioso o vencello entre ambas terras, Ribadavia e Avión, Carballiño e Ribadavia, a montaña móvese, a firmeza da montaña amparando a dozura do val, sempre foi así, tamén nos matrimonios, en Ribadavia casou o Ferradás, en Avión o Amando coa Concha, no Carballiño vive o Jorge Barciela, que de neno xogaba no barrio xudeu de Ribadavia, Así poderíamos citar ducias, centos de persoas, xentes do Ribeiro, do Carballiño, da montaña e do val, un universo indispensable para seguir existindo.

O Xaragón carrexaba as vacas a Francelos, e alí probaba o viño de Brancellao e Sousón do Amadeo Amil, quen botara uns anos en Cuba, fixeron unha amizade eterna, aquelas conversas non tiña fin. Mais todo ten os seus  matices, o ano pasado nunha empresa de embalaxe de papel do Carballiño, onde fun a procura de bolsas – hai que facer gasto no comercio local – escoite a uns empresarios falar dos grandes viños de Ribera de Duero e Rioja, que o Ribeiro en tintos non pintaba nada, estiven a punto de entrar na conversa, argumentar que non coñecían o que se estaba a facer no Ribeiro cos tintos, a calidade dos caiños, brancellaos, sousóns, espadeiros, carbauñeiras e ferróns, que xuntos elevaban ao Ribeiro aos altares dos entendidos, estiven a punto de citar a Ferrán Centelles, Joan G. Pallares, Jancis Robinson, Luis Gutierrez e aos nosos Paadíns, e toda a gabanza que están a recibir no mundo estes tintos ribeiraos, pero calei, ao mesmo tempo quen son eu para convencelos do contrario, o mundo agarda polos nosos tintos, haberá renacer, e si é en galego maís ainda.

O viño é cultura, precisa da terra, o lugar onde nace ten nome, ten uso e costumes, ten unha lingua propia, o galego da antiga terra de Castela, do Orcellón, de Bubal, de Milmanda e de San Xoán de Novoa, a lingua galega do Ribeiro e a da montaña, espazos veciños, espazos para a lírica como ben sabía don Ramón coa mirada pousada no val dende o seu pazo de Trasalba.

——————————————————————————————————–

Outros artigos de Antonio Míguez Amil

Adeus viñas, adeus socalcos, adeus aldeas cheas de vida!