A Xunta fixo 14 entregas aos concellos da provincia de Ourense desde o decreto de alarma achegando máis de 431.000 unidades de protección individual

  • Polo de agora, a cidade das Burgas recibiu 72.490  equipamentos individuais
  • Durante a crise da Covid-19 o Goberno galego está a colaborar coas entidades locais para dotar aos seus servizos esenciais de material de protección contra o coronavirus

.- A Xunta está a efectuar esta semana dous novos envíos de material de protección individual e desinfección aos concellos da provincia de Ourense que,  sumados aos efectuados desde que se decretou o estado de alarma pola crise do coronavirus, fan un total de 14 entregas aos municipios ourensáns e cinco ao da cidade, a través das que se entregaron máis de 431.000 unidades de protección individual.

Publicidade

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira,  subliña o esforzo do Goberno galego para realizar estas achegas que garantan que os concellos da provincia poidan atender ao persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais, fundamentalmente Protección Civil, Policía Local e Servizo de Atención ao Fogar (SAF).

Concretamente, as partidas enviadas esta semana aos municipios ourensáns, agás o da capital, incluíron 13.700 luvas, 19.350 mascarillas, 368 traxes, 277 pantallas faciais e 568 batas doadas por Inditex.

Díaz Mouteira anunciou que a Deputación provincial de Ourense enviou hoxe unha remesa de 22.000 mascarillas, que é a terceira doazón que realiza a institución provincial á Xunta de Galicia, material que se repartirá entre os municipios ourensáns en futuros envíos. A delegada territorial agradeceu e puxo en valor a cooperación da Deputación ourensá coa Administración autonómica co obxectivo de atender ás necesidades dos concellos da provincia para loitar contra o avance da pandemia .

En conxunto e desde que comezou o confinamento o Goberno galego ten entregado aos municipios da provincia máis de 431.000 unidades de protección individual, nas que destacan 237.514 luvas, case 183.800 mascarillas, 5.050 traxes, 3.000 batas, 761 pantallas faciais e 1.363 batas doadas por Inditex; ademais de 1.884 botes de xel hidroalcoólico, 264 garrafas de xel desinfectante e 1.428 litros de lixivia. Deste equipamento, a cidade das Burgas recibiu un total de 72.490 unidades de protección individual contra o Covid-19, que inclúen  36.000 luvas, 35.955 mascarillas, 395 traxes, 60 pantallas faciais e 80 batas cedidas por Inditex.  Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e realízanse en base a criterios obxectivos tendo en conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.