“Ourense, destino seguro”: confianza no sector turístico provincial, fronte o COVID-19

Presentación da APP LOCALSAFE. Asisten Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense), acompañado por Primitivo Ferro (Director do departamento xurídico) e Diego González (CEO).

Desde hoxe a provincia de Ourense conta coa ferramenta turística máis avanzada e innovadora para xerar confianza e seguridade ás persoas que nos visiten na era poscovid. Así o afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación esta mañá de Localsafe Ourense, destino seguro, un proxecto 100 % ourensán que consiste nunha plataforma dixital á que se poden adherir os establecementos para conseguir o distintivo Ourense, destino seguro, que permitirá dar maior visibilidade á nosa provincia e xerar no cliente un nivel de confianza para facilitar unha volta á actividade da maneira máis segura, afirma Manuel Baltar.

A iniciativa, da que hoxe se detallou a súa APP, sitúa á Deputación de Ourense á vangarda das medidas para levar a cabo a reapertura dos locais coas mellores condicións de seguridade, ademais de apoiar a autónomos e Pemes ourensáns facilitando para eles as cotas máis baixas de adhesión a esta plataforma: un desconto do 50 % na APP e na consultoría aos 50 primeiros locais inscritos. Deputación de Ourense e Localsafe únense neste acordo para que a marca Ourense Destino Seguro ofreza visibilidade á provincia, seguridade aos establecementos adheridos e confianza a turistas. A APP xa se pode descargar desde hoxe, e nela xa figuran máis de 15.000 preinscritos de ámbito nacional, sendo 500 deles da provincia de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na presentación da iniciativa, o presidente Baltar estivo acompañado por Diego Regueira, CEO de Localsafe, e Primitivo Ferro, director do departamento xurídico desta empresa. A plataforma Ourense, destino seguro que Baltar presentou días pasados na reunión do Consello asesor de Turismo de Ourense- recolle os requisitos legais e normativos sobre o COVID-19, que serán avaliados, e desta maneira, os establecementos disporán, se cumpren a normativa en materia de seguridade sanitaria, do recoñecemento que os distinguirá co label Localsafe Verificado COVID-19.

Manuel Baltar afirma que este selo de calidade acredita que todos os establecementos abertos ao público da provincia de Ourense que se adhiran cumpren todas as garantías requiridas por sanidade e polos protocolos de seguridade no ámbito turístico referidos ao COVID-19, destacando que a provincia de Ourense convértese nun territorio líder en seguridade e confianza fronte ao coronavirus, en favor do turista que recibiremos a partir de agora, que será un turista de proximidade, que se desprazará en coche a un lugar preferentemente situado a unhas dúas horas do seu domicilio e que non estea masificado

Os requisitos que deberá cumprir cada establecemento para obter esta distinción de calidade en seguridade COVID-19 céntranse nos parámetros de desinfección, higienización, calidade e seguridade e saúde no traballo. O estándar será de aplicación nos sectores de hostalaría, restauración, turismo, espectáculos, deporte, saúde e imaxe persoal, entre os que se poden destacar: servizos de restauración, hoteis e apartamentos turísticos, pequeno comercio, praias fluviais e balnearios.

As principais áreas de actuación serán a formación e concienciación dos traballadores de cada establecemento; o desenvolvemento de novas tecnoloxías para a mellora dos procesos; desenvolvemento de sistemáticas de traballo desempeñadas pola organización, destinadas a prevención da contaminación biolóxica, e a posta en marcha de sistemáticas internas de verificación e validación dos procesos: test COVID-19, ensaios de superficies e indicadores.

Tras a posta en marcha da APP e a páxina web, o seguinte paso será a implantación nas empresas e a realización de auditorías externas nos establecementos, os cales disporán dun logo particular que sirva como mecanismo de distinción e posta en valor de cada un deles como garante do nivel de cumprimento das medidas de seguridade, prevención e hixiene fronte ao COVID-19. Isto resaltará o compromiso particular e como provincia en canto á adaptación á era COVID-19.