A Xunta destina máis de 10 millóns de euros a impulsar a promoción e venda dos produtos galegos de calidade

11,00 h.- O conselleiro do Medio Rural, José González, manterá unha videoconferencia cos distintos consellos reguladores de Galicia para trasladarlles o contido do Plan de reactivación e dinamización da Consellería para facer fronte á crise da covid-19 no relativo aos selos de calidade. Na sala de xuntas da Consellería (edificio administrativo de San Caetano, 1º andar). foto xoán crespo 18/06/2020

A Xunta destina máis de 10 millóns de euros a impulsar a promoción, venda e internacionalización dos produtos galegos de calidade tras a emerxencia sanitaria Escoitar

O conselleiro do Medio Rural explicou as medidas sectoriais do Plan de reactivación do agro aos consellos reguladores de produtos galegos de calidade diferenciada

FESTAS EN RIBADAVIA

José González avanzou medidas como a potenciación da marca Galicia Calidade, o deseño dun plan de internacionalización ou a creación de mercados singulares en localizacións emblemáticas das catro provincias


Ademais, reforzarase a promoción dos produtos galegos de calidade así como a dixitalización da súa venda e potenciaranse os selos de calidade diferenciada

A Xunta destinará un total de 10.250.000 euros ao eixo da promoción, comercialización e internacionalización dos produtos galegos dentro do Plan de reactivación e dinamización que impulsa a Consellería do Medio Rural para facer fronte á crise provocada pola covid-19 nos sectores primarios da nosa comunidade. Así o destacou hoxe o conselleiro José González, quen mantivo un encontro por videoconferencia cos responsables dos consellos reguladores dos produtos galegos de calidade diferenciada, para explicarlles as medidas sectoriais deste plan. O conselleiro salientou que a iniciativa presta unha especial atención á calidade como panca para mellorar a comercialización dos produtos agroalimentarios galegos, así como a competitividade xeral dos sectores primarios.

O titular de Medio Rural centrou a súa explicación nos aspectos do plan relativos á posta en valor da calidade agroalimentaria da nosa comunidade. Así, entre as medidas a aplicar avanzou a potenciación da marca Galicia Calidade como un selo que englobe, identifique e mellore o posicionamento dos produtos do sector primario, tanto os que contan con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida como os derivados das razas gandeiras autóctonas, os que contan co selo de artesanía alimentaria, os amparados por Galega 100% ou os de pescadeRías.

O conselleiro indicou que se reforzará, así mesmo, a presenza da industria alimentaria na marca Galicia Calidade, para que a súa produción gañe competitividade e notoriedade como instrumento de acceso a novos mercados, tanto nacionais como internacionais. Nesta liña, González trasladou tamén que se creará un grupo de traballo interdepartamental -con participación de Medio Rural e do Igape- para o deseño dun Plan de internacionalización das empresas agroalimentarias da nosa comunidade. Esta iniciativa incluirá, entre outras cuestións, a fixación de países obxectivo, estudos de mercado, asesoramento, formación, asistencia a feiras e misións comerciais.

Ademais, segundo trasladou o conselleiro, está prevista a creación de mercados singulares en localizacións emblemáticas das catro provincias, para prestixiar e poñer en valor as nosas producións agroalimentarias. Farase mediante o deseño de stands innovadores que actuarán como polo de atracción de visitantes e turistas e contribuirán á dinamización socioeconómica dos territorios, sempre cunha vinculación dos produtos á marca Galicia Calidade. No eido da promoción, José González destacou accións como o desenvolvemento dunha campaña de difusión dos produtos agroalimentarios galegos fóra da nosa comunidade, tanto en puntos de venta físicos como dixitais, con promoción en punto de venda e publicidade en medios. Para levala a cabo, o conselleiro pediulles aos consellos reguladores que fagan as súas aportacións. Contémplase, así mesmo, a creación dunha plataforma dixital para a comercialización destas producións, como ferramenta de venda on line que agrupe a diversos produtores para acadar tamaños mínimos de oferta, acompañado de asesoramento na xestión. Esta iniciativa reforzarase cunha liña de apoio para que as empresas agroalimentarias se adhiran a plataformas dixitais como canles adicionais de venda, atención ao cliente e marketing dixital.

Neste mesmo sentido, dentro do eixo da formación, innovación e dixitalización, aplicarase un plan de formación e asesoramento en marketing e loxística de vendas, que incluirá tamén unha liña de axudas para a contratación polas pemes do sector de persoal especializado. Haberá tamén, tal e como explicou González, plans específicos de reactivación dos sectores máis afectados pola covid-19, con participación dos operadores. Levarase a cabo sempre un estudo do impacto que a crise provocou no sector determinado e farase con actuación a curto prazo e dende unha perspectiva integral que formule propostas no eido da comercialización, da estrutura financeira ou dos stocks, entre outros. A maiores, potenciaranse os selos de calidade diferenciada, apostando por dar ferramentas, financiamento e soporte aos consellos reguladores e buscarase protexer e diferenciar outros eidos produtivos. Entre eles, o conselleiro mencionou o aceite galego, o pan galego e a Indicación Xeográfica Protexida vaca galega/boi galego. Outra medida será o desenvolvemento da figura do artesán alimentario e a elaboración das normas técnicas dos diferentes produtos artesanais.

Eixos e obxectivos

O Plan de Medio Rural conta cun orzamento total que supera os 165 millóns de euros e forma parte da planificación da Xunta para fomentar a reactivación económica trala pandemia. Estrutúrase en cinco eixos de actuación, que van dende a promoción, a comercialización e a internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos ata a sostibilidade económica dos sectores agrogandeiro e forestal, pasando polo reforzo da resiliencia do territorio rural, a formación, innovación e dixitalización e a simplificación e flexibilización administrativa. A iniciativa ten tres obxectivos centrais: fortalecer a competitividade dos sectores produtivos do rural galego no contexto da crise da covid-19, impulsar a promoción e comercialización cunha estratexia de diferenciación baseada na calidade e na diversidade das producións e reforzar e poñer en valor o labor dos sectores agrogandeiro e forestal no mantemento da vida e da paisaxe rural.