O Psdeg-Psoe denuncia o silenciamento da crtvg á manifestación en defensa da sanidade pública

A deputada socialista Noelia Otero denunciou o silenciamento da CRTVG á manifestación en defensa da sanidade pública galega celebrada onte no Barco de Valdeorras. Fíxoo, hoxe, na comisión permanente de control da CRTVG cunha pregunta ao director xeral.

“Queremos que conste o malestar por silenciar unha mobilización multitudinaria”, sinalou a voceira socialista logo de asegurar que onte no Telexornal de mediodía “nada” se dixo sobre a manifestación e no informativo da noite cubriuse “cunhas imaxes cedidas por La Región”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con todo isto, Otero cuestionou se a falla de cobertura se deu “por criterios políticos” ou pola falla de medios derivada do “desmantelamento” das delegacións locais. “O que está claro é que imos cara atrás” á hora de ofrecer un “xornalismo de calidade”, sentenciou.

Doutra banda, a dirixente socialista urxiu á CRTVG a aprobación do estatuto profesional do ente e a creación do consello de informativos, tal e como obriga a lei de medios públicos de Galicia aprobada hai unha década polo Parlamento.

“Semella ou ben un desleixo ou ben unha tomadura de pelo tanto anuncio sen resultados”, lamentou a socialista ao recordar que “son moitas as ocasións nas que teñen anunciado primeiro o traballo en marcha e logo que este está pechado e elaborado”. “Agardo que se poña un compromiso e un horizonte claro e concreto sobre a mesa”, concluíu.