O grupo municipal do PSdeG-PSOE amosa o seu apoio ás persoas LGTBI+ e refrendamos a súa loita e o dereito a ser recoñecidos en igualdade e diversidade ante o vergoñento desleixo de Democracia Ourensana e PP que gobernan a terceira cidade de Galicia. Por elo, ven de solicitar por escrito ao Concello de Ourense que, co gallo do Día Internacional do Orgullo LGBTI+, a bandeira arcoíris que representa ao colectivo sexa colgada da fachada principal do consistorio durante as próximas dúas semanas, co fin de dar respaldo institucional e visibilidade ao colectivo.  

Os socialistas denuncian o “desleixo” e o “espaldarazo” constante que está a amosar o goberno bipartito coa igualdade e o colectivo LGTBI+ despois de que, por segundo ano consecutivo, se deixe “aniquilada” a súa conmemoración sen realizar actos ou dar visibilidade sequera á bandeira multicolor que pendura cada ano nestas datas na casa consistorial. “Esta soamente é unha mostra máis do goberno homófobo que dirixe a cidade e que deixa de lado á poboación sensibilizada”, aseguran. Desde o mes de xaneiro tampouco se celebra ningunha reunión do Consello Municipal de Igualdade —órgano que decide as actividades a realizar durante a semana do Orgullo— nin antes, nin durante, nin despois do COVID-19. O resto de cidades de Galicia nas que gobernan os socialistas si teñen planificadas actividades e programa con antelación.

O PSdeG-PSOE recorda que xa no anterior mandato sacou adiante, co apoio nalgún caso de PP e DO, iniciativas coma a declaración de Ourense coma cidade LGTBI-Friendly; a creación dun Foro Turístico Municipal LGTBI por parte da Concellería de Turismo; a posta en marcha dunha campaña informativa para promover espazos libres de LGTBIfobia en Ourense; ou a redacción dun plan municipal de prevención do acoso homofóbico, bifóbico e transfóbico.

“Os socialistas seguiremos traballando desde a responsabilidade de goberno e no senso de aumentar dereitos e avanzar na igualdade”, insisten antes de destacar que realizarán esta labor “facendo súa a reivindicativa frase do falecido socialista, Pedro Zerolo, sobre que os dereitos conquístanse, disfrútanse e denféndense”.