Francisco Fraga reclama que se habiliten oficinas bancarias móbiles e da Xunta en todo o rural ourensán.

FRANCISCO FRAGA, CANDIDATO Ó PARLAMENTO GALEGO POR ESPAZO COMÚN-RECORTES CERO-OS VERDES, RECLAMA QUE SE HABILITEN OFICINAS BANCARIAS MÓBILES E DA XUNTA EN TODO O RURAL OURENSÁN.

Publicidade

Fraga Civeira declara que, “hai que parar a aldraxe que padecen os nosos concellos do rural, maioría no caso da nosa provincia, e habilitar servizos de proximidade para a veciñanza. Só así se aposta polo asentamento da poboación”

Desde Espazo Común – Recortes Cero – Os Verdes propoñen que a extensión das oficinas bancarias e a creación de oficinas móbiles da administración autonómica que dean resposta a todas as necesidades da poboación rural.

O candidato ó Parlamento de Galicia nos vindeiros comicios do 12 de xullo por Espazo Común – Recortes Cero – Os Verdes na provincia de Ourense, Francisco Fraga, prosegue na súa loita por rematar coa aldraxe histórica que vén padecendo, tradicionalmente, a nosa provincia. Desta volta propón que os servizos bancarios móbiles, que están presentes nalgúns lugares de Ourense, se estendan á totalidade dos concellos do rural e atendas as necesidades desta poboación sempre esquecida.

Fraga Civeira, lembra que, “as grandes corporacións bancarias hai tempo que pechan oficinas no noso rural ou limitan os seus horarios, a poboación xa se vén mobilizando hai tempo contra esta discriminación que os deixa sen servizos. A existencia de oficinas móbiles pode paliar esta situación por isto propoñemos que se habilite este servizo en todos os concellos rurais de Ourense que, recordemos, son a gran maioría da provincia. Se queremos paliar a sangría demográfica hai que apostar polos servizos de proximidade adaptados ás características destes municipios”.

Do mesmo xeito, desde Espazo Común – Recortes Cero – Os Verdes, propoñen que a Xunta de Galicia habilite un servizo móbil similar ós das oficinas dos bancos para atender á poboación rural ourensá. “Apostamos por unha administración o máis achegada posible á cidadanía, ademais, os concellos rurais están facendo un traballo encomiable atendendo todas as demandas con poucos recursos, incluídas as dirixidas á administración autonómica, porén, é necesario que a propia Xunta atenda de primeira man moitos dos servizos que acaba por delegar na administración local”, indica Francisco Fraga.

A idea é que todas as persoas, con independencia de onde vivan, teñan acceso ós mesmos servizos e atención por parte das administracións e tamén das entidades bancarias, entre outras. Os servizos móbiles son sostibles no tocante ó seu mantemento e operativos, posibilitando que os concellos do rural manteñan e, mesmo, aumenten a súa poboación. Fraga Civeira remata dicindo que, “a calidade de vida de quen vivimos no rural é insuperable pero precisamos estar en pé de igualdade co resto da cidadanía e ter a man servizos administrativos que nos permitan atender as nosas xestións diarias sen desprazarnos ou entidades que aposten pola economía rural”.

A formación loita por e para a totalidade de Ourense, actuando de altofalante dunha provincia esquecida, con características e necesidades propias que merecen ser atendidas dunha vez por todas.