A Deputación de Ourense repartirá lotes de libros en residencias de maiores e centros hospitalarios

A medida, que incluirá títulos publicados polo ente provincial, ten como obxectivo “fomentar a lectura e contribuír ao lecer neste tempo de confinamento”, afirma o presidente da Deputación, Manuel Baltar

Publicidade

A Deputación de Ourense repartirá lotes de libros en residencias de maiores e centros hospitalarios da provincia co obxectivo de “fomentar a lectura e contribuír ao lecer neste tempo de confinamento”, afirma o presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen destaca que esta oferta cultural gratuíta incluirá títulos publicados polo ente provincial, que van desde catálogos de exposicións a novelas, pasando por obras de divulgación científica, cultural, etnográfica, patrimonial e histórica da provincia de Ourense, ademais das publicacións que resultaron premiadas nas diferentes edicións dos premios de literatura infantil e xuvenil “Pura e Doura Vázquez”.

A finalidade é promover a lectura dando conta da riqueza provincial e do traballo dos autores seleccionados polo Consello Asesor de Publicacións, un órgano de asesoramento literario que o presidente Baltar puxo en marcha en 2014 co obxectivo de fixar os criterios para a selección e edición de obras e para a realización de publicacións en réxime de coedición.

Esta medida cultural enmárcase na estratexia da Deputación de Ourense por desenvolver e implementar iniciativas de ámbito social, sanitario, económico e de cooperación con outras administracións, para facer fronte á crise do coronavirus COVID-19 na provincia de Ourense.

A repartición de libros iniciarase a próxima semana e realizarase en residencias de maiores de diferentes localidades da provincia, así como en centros hospitalarios, tendo como destino as persoas residentes ou ingresadas e o persoal sanitario e de servizo que desempeña o seu labor nestes centros sociais e sanitarios.