O Gaiteiro da Catedral comeza a homenaxe permanente ás vítimas do COVID-19

Día histórico para Ourense: o Gaiteiro da Catedral comeza a homenaxe permanente ás vítimas do COVID-19. Exactamente ás 11.30 horas (momento que simboliza a data en que a OMS declarou oficialmente a pandemia, o pasado 11 de marzo), o músico Bieito Romeu, líder e membro fundador de Luar na Lubre, interpretou desde a torre da catedral de Ourense o himno oficial da provincia, Ourense non solpor.

Foi un momento máxico que non esquecerei en toda a miña vida, expresou o músico logo de interpretar o himno, sendo o primeiro gaiteiro que inicia este acto que perdurará no tempo, contando para iso con gaiteiros e gaiteiras de diferentes agrupacións folclóricas que converterán ao Gaiteiro da Catedral nun símbolo que pon en valor a solidariedade, a música, a tradición e a cultura, desde un monumento único como a catedral de Ourense , destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen agradeceu ao bispo da diocese de Ourense, Leonardo Lemos, e ao deán da catedral, José Pérez Domínguez, toda a colaboración para facer realidade esta iniciativa, o que significa un exemplo de cooperación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Baltar tamén resaltou o labor da empresa Adolfo Domínguez que deseñou e confeccionou a capa do gaiteiro para cedela a esta iniciativa solidaria, e dixo que hoxe homenaxeamos ás vítimas do COVID-19 en todo o mundo. Na provincia de Ourense son 132 os falecidos, até o momento, por mor da pandemia, e máis de medio millón en todo o mundo. E facemos esta homenaxe desde aquí, desde Ourense, para que todos os días, ás 11.30 horas, un gaiteiro ou gaiteira, desde a torre da catedral, interprete o Himno de Ourense, obra de Manuel de Deus, medalla de ouro da provincia.

Saúdo desde a OMS

O presidente do goberno provincial agradeceu tamén saúdo que me trasladou a directora do Departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da OMS, a doutora María Neira, cuxo pai é do Barco de Valdeorras, e remarcou que hoxe iniciamos unha senda importante, conxugando música e patrimonio: música, que é a linguaxe universal, coa gaita como instrumento de referencia desta nación cultural que é Galicia, e con esta catedral, símbolo permanente do noso patrimonio, dedicada a San Martiño, patrón de Ourense e patrón das capas, comentou, en referencia á capa do Gaiteiro da Catedral, que Baltar impúxolle a Bieito Romeu antes de que subise á torre.

Manuel Baltar expresou tamén a honra que supón que o primeiro Gaiteiro da Catedral sexa Bieito Romeu, fundador e líder dunha das bandas de folk máis internacionais e Fillo Adoptivo do municipio de Esgos, na Ribeira Sacra, territorio ao que Romeu dedicou o seu traballo gravado en San Pedro de Rocas; unha Ribeira Sacra ?lembrou- que o ano próximo será declarada Patrimonio Mundial pola Unesco

Referencia afectiva, artística e musical

Pola súa banda, o bispo de Ourense subliñou que ante esta incomparable fachada da catedral de San Martiño participamos nun fermoso acto, colaborando coa Deputación de Ourense nun evento que é unha referencia afectiva, artística e musical, e destacando o protagonismo da gaita: Cando percibamos o seu son desde esta torre de San Martiño pensemos dunha maneira especial naqueles que partiron, nos que sufriron, e nos que aínda están a padecer as consecuencias desta pandemia, dixo Leonardo Lemos.

Bieito Romeu reiterou a enorme honra que supón poder abrir este ciclo de gaiteiros que interpretan o himno de Ourense desde esta histórica catedra, e tivo palabras de recordo para toda a xente que loita contra esta maldita pandemia que nos tocou vivir nestes tempos

O acto protocolario previo á interpretación do himno terminou coa imposición, por parte do presidente Baltar a Bieito Romeu, da capa do Gaiteiro da Catedral, tras o cal, o músico subiu a escalinata do templo e saudou ao público desde a porta, para dirixirse logo á torre. Eran o once e vinte. Dez minutos máis tarde, tras o repicar das campás anunciando as 11.30 horas, o Gaiteiro da Catedral apareceu na balconada da torre e desde alí interpretou a melodía que, desde hoxe e durante os 365 días do ano, soará puntualmente a esa hora, simbolizando os valores de Ourense, a concordia e a solidariedade.

Pergamiño

Esta homenaxe ás vítimas do COVID-19 e ao persoal esencial durante a pandemia continuará desde hoxe coa participación de gaiteiros e gaiteiras de diferentes colectivos e agrupacións folclóricas. Do mesmo xeito que hoxe Bieito Romeu, todos recibirán un pergamiño acreditativo asinado polo presidente da Deputación de Ourense, cuxo texto fai referencia ao carácter perpetuo do acto, facendo constar ademais que a provincia de Ourense rende esta homenaxe á concordia dos pobos do mundo, o mellor sentimento que alberga a convivencia humana, lembrando a solidariedade que nos une fronte á pandemia do coronavirus COVID-19

Entre as autoridades e representacións presentes no acto de hoxe, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, destacou a emotividade da celebración, que ten tamén como obxectivo homenaxear ás persoas que estiveron dedicadas a unha atención directa ás vítimas da pandemia, o cal significa un sinal de agradecemento cara a todas elas, tributado desde Ourense, algo que o noso pobo ourensán fai, neste caso, a través da música, difundindo cultura por todo o mundo .