Espazo Común reúnese mañá cos veciños de Arcos pola cuestión dos recibos do lixo e o monte comunal

Espazo Común reúnese mañá cos veciños de Arcos para decidir cales son os seguintes pasos a dar na cuestión dos recibos do lixo e o monte comunal

Publicidade

No último pleno confirmouse o que todo o mundo sospeitaba había tempo, o expediente para o cobro da taxa do lixo non está paralizado como anunciara o alcalde Fumega.

A confusión e a falla de verdade son, coma sempre nos últimos tempos, a tónica predominante nas accións do goberno do Carballiño e particularmente do seu alcalde.

Os veciños de Arcos tiveron que comprobar ao ver o último pleno celebrado no Concello como despois das preguntas de Pachi Vázquez ao respecto, o rexedor recoñecía que o expediente para o cobro dos recibos do lixo para esta parroquia non está paralizado como se comprometera a facer.

A pesares de telo anunciado en varias ocasións, en pleno, en medios de comunicación e en reunións cos propios afectados, tivo que recoñecer que, unha vez máis, estivera a mentir a todo o mundo.

Ante a preocupación amosada por moitos veciños, o Grupo Municipal de Espazo Común desprazarase mañán martes 7 ás 20:30h da tarde ata o Campo da Festa de Arcos para manter unha xuntanza con eles e tentar axudalos a resolver un conflito que dende o goberno municipal semellan teimar en enredar máis a cada paso.

A esta xuntanza acudirá Pachi Vázquez e tamén o fará unha persoa experta en xestión de montes comunais coa intención de axudar aos interesados co comezo dos trámites para a catalogación do mesmo.