Plácido Álvarez acusa a Villarino “de antepoñer o seu puro interese persoal ás necesidades dos ourensáns que precisan axuda”

  • Álvarez valorou así a petición por parte de Villarino dunha nova compatibilidade do seu labor docente na Universidade de Vigo coa súa condición de portavoz do grupo socialista, “é dicir, unha cuestión exclusivamente persoal cando desde o último pleno non presentou iniciativa algunha para defender os intereses xerais da provincia, desprezando a Ourense”.
  • O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, afirmou que Villarino “non pode seguir en política por hixiene democrática e por atentar contra Ourense, contra os lexítimos titulares políticos da Xunta, da Deputación e do Concello de Ourense, pero sobre todo por ir contra os milleiros de autónomos e pemes que precisan axuda nun momento no que todos temos que colaborar para a reactivación social e económica”.

O portavoz do grupo provincial popular e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, acusou hoxe ao representante socialista na corporación provincial, Rodríguez Villarino “de antepoñer o seu puro interese persoal ás necesidades dos ourensáns que precisan axuda”. Álvarez, nunha comparecencia diante dos medios de comunicación, acompañado polo vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, valorou así a petición por parte de Villarino dunha nova compatibilidade do seu labor docente na Universidade de Vigo coa súa condición de portavoz do grupo socialista, “é dicir, unha cuestión exclusivamente persoal cando desde o último pleno –o 26 de xuño- non presentou iniciativa algunha para defender os intereses xerais da provincia, desprezando a Ourense”.

O representante socialista, lembrou Plácido Álvarez, cobra por dedicación exclusiva como portavoz do seu grupo na Deputación, “cando en realidade presentouse ás eleccións municipais para ser alcalde de Ourense, pero a súa actividade política, a efectos de remuneración, non a ten no Concello, onde só cobra dietas, elixindo a Deputación por ser uns centos de euros máis”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O primeiro papel que rexistrou como deputado provincial “foi para pedir a compatibilidade como profesor asociado na Universidade de Vigo, non para presentar unha iniciativa política, o que demostra que Villarino só pensa nel, e Ourense e mesmo o seu partido danlle o mesmo”. E agora, engadiu o portavoz popular, “parece ter moita urxencia por resolver a súa situación económica pedindo de novo a compatibilidade en plenas eleccións autonómicas, cando chegaría o tempo a próxima semana para que entrase na correspondente comisión”.

Álvarez subliñou que a actitude de Villarino non deixa de dar a dar a razón aos acordos plenarios da Deputación “que o cualifican como mentireiro e manipulador, desprezando a súa forma de facer política, esixindo a súa dimisión como deputado provincial e como concelleiro en Ourense”, citando a revisión de legalidade das axudas da Deputación a autónomos e pemes, ordenada verbalmente ao subdelegado do Goberno, ou a colocación dun valo publicitario electoral anónimo onde insulta ao presidente da Xunta, da Deputación e ao alcalde de Ourense. “Todo elo comprobado e ratificado por documentos oficiais que certifican a súa indignidade e ruindade tanto persoal como política, atacando vilmente á cidadanía de Ourense”.

Armando Ojea: “Villarino non pode seguir en política por hixiene democrática e por atentar contra Ourense”

Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensana e vicepresidente segundo da Deputación, Armando Ojea, esixiu de novo a dimisión de Villarino, “abandoado polos seus porque o seu partido o agocha e non valida ningún destes exemplos de trepismo e traizón”. O representante socialista, asegurou, “fala moito de ética, pero exemplos hai sobrados para ver que non a ten”, referíndose de novo ao valo publicitario “que é todo un insulto polo seu anonimato”.

Non pode seguir en política por hixiene democrática, engadiu, e por atentar contra Ourense, contra os lexítimos titulares políticos da Xunta, da Deputación e do Concello de Ourense, pero sobre todo por ir contra os milleiros de autónomos e pemes que precisan axuda nun momento no que todos temos que colaborar para a reactivación social e económica”.

Ojea referendou as palabras do portavoz popular afirmando que “o único interese que move a Villarino é o diñeiro, por un lado tratando de arranxar a súa economía procedente do erario público, e por outra poñendo en perigo as axudas para aqueles que cobran o seu soldo se traballan, o que demostra que non coñece a realidade da actividade privada”.

Ojea tamén cuestionou o interese de Villarino por aportar solucións ás necesidades de Ourense desde o seu cargo público, “posto que o cambio na súa condición docente vai implicar máis horas de traballo na universidade, polo que me pregunto cando atenderá o seu deber como deputado”.

O deputado de Democracia Ourensana afeou tamén a Villarino esta nova solicitude de compatibilidade, “cando o pasado ano fun o centro das súas máis duras críticas por cumprir os meus compromisos profesionais como músico adquiridos antes das eleccións, desenvolvidos en verán, que non precisaban dunha solicitude deste tipo por non ser continua no tempo e, ademais, pola noite”.