O deporte náutico de alta competición retorna a Laias coa selección española xuvenil de remo

Manuel Baltar visitou estas instalacións deportivas, acompañado de Asunción Loriente, presidenta da Federación Española de Remo, para analizar xunto cos deportistas as vantaxes do CERLAC, o centro de alto rendemento de Laias, Arnoia e Castrelo, nesta nova etapa poscovid

Publicidade

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou en Laias as instalacións do centro de adestramento de remo e piragüismo, que retoma a súa actividade trala crise do COVID-19. Os primeiros deportistas de alto nivel que retornan ao CERLAC, o centro de alto rendemento de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño, son os integrantes da selección española xuvenil de remo, quen estes días desenvolven neste centro termal e deportivo os seus adestramentos cara ao campionato europeo de remo que se celebrará en Belgrado no mes de setembro.

Trátase das selección xuvenís feminina e masculina, que abren así o novo calendario de etapas de preparación para deportistas. Ao fronte da expedición está a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, quen analizou con Manuel Baltar o calendario de adestramento das diferentes seleccións nacionais de remo, así como os plans, equipamentos e infraestruturas de que dispón o CERLAC para optimizar ao máximo os períodos de preparación dos deportistas.

Baltar confirmou que as instalacións de Laias teñen para os próximos meses “un nivel de ocupación máximo” en canto a deportistas das diferentes categorías da selección española e tamén doutros países, tanto para remo como para piragüismo.

“Laias convértese así nun centro dos máis importantes de España e de Europa en cuanto á preparación de competicións internacionais, e a presidenta da federación, que xa celebrou o centenario desta entidade en Ourense, é unha aliada estratéxica no desenvolvemento desta acción, que supón situar ao CERLAC como capital do remo e do piragüismo, e sen dúbida, un lugar onde, neste caso, a selección xuvenil masculina e feminina nos visitan, proxectan a súa actividade e contribúen á dinamización social e económica, nun momento, despois do COVID-19 no que, con este tipo de concentracións de deportistas, se empeza a recuperar a normalidade e o espírito competitivo, coa vista posta nos próximos campionatos. E para a preparación dos mesmos, Laias revélase como un lugar esencial”, afirma Manuel Baltar.