A Deputación de Ourense mellora as interseccións das estradas coa Vía da Prata

A Deputación de Ourense destina un investimento de 60.000 euros para a mellora da sinalización das interseccións e dos itinerarios comúns da rede provincial de estradas coa Vía da Prata-Camiño de Santiago. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, sinalando que este proxecto “define as actuacións necesarias para a mellora de accesos á Vía da Prata por Laza (OU-0102, OU-0560, OU-0514, OU-0559, OU-0406 E OU-0402) e por Verín (OU-1021, OU-1018, OU-1116, OU-0101 E OU-0515), reforzando e mellorando a sinalización existente”.

O proxecto inclúe tamén seis sinais de advertencia dinámica (sinalización intelixente), que alertan con luces led aos vehículos da presencia de peóns ou ciclistas na calzada naqueles itinerarios comúns máis perigosos pola intensidade de tráfico ou por restricións na visibilidade motivadas pola orografía do terreo. A finalidade é que os condutores poidan coñecer con antelación a presenza doutros usuarios na plataforma compartida e que adecúen a súa velocidade, extremando a atención nos treitos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Delimitación de treitos urbanos

Por outra banda, a Deputación aprobou definitivamente os estudios de delimitación de treitos urbanos nas estradas provinciais que discorren polos núcleos rurais dos concellos de Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Coles, Muíños, Oímbra, Rairiz de Veiga, Taboadela, Toén, Vilar de Barrio e Vilardevós. Isto supón o recoñecemento de todos os núcleos rurais adxacentes ás estradas provinciais nestes concellos como treitos urbanos onde, como consecuencia, deixará de ser de aplicación o réxime xeral de protección das estradas provinciais, e non se establecerán as zonas de protección nin a liña límite de edificación indicadas na lexislación sectorial vixente. Desta maneira, as liñas de edificación nestes treitos, que estaban a 15 metros do borde exterior da calzada, veranse notoriamente reducidas.