O PSDEG-PSOE denuncia que a mancomunidade do Ribeiro situou un colector do lixo na propiedade dun concelleiro do PP

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que a Mancomunidade do Ribeiro, co beneplácito do Concello de Cenlle, e ambas entidades gobernadas polo Partido Popular, sitúe un colector de vidrio dentro da propiedade privada dun concelleiro do PP deste municipio do Ribeiro. Os socialistas consideran esta situación como “anómala” e critican que “se vendan favores” cedendo unha propiedade privada para o uso público de colectores de residuos, algo que consideran “ilóxico e totalmente fóra de lugar”. Segundo apuntan dende o grupo municipal socialista, o colector de vidro cambiouse de lugar, “cando estaba situado nunha praza pública de fácil acceso” para levalo a esta finca dun concelleiro popular que ademais e tal e como apuntan “está pechada cun aramado, o que dificulta que se poidan depositar as botellas no colector”.
Os socialistas lembran que a recollida do lixo é unha competencia da Mancomunidade do Ribeiro, pero que é o Concello de Cenlle o que decide onde se deben situar os colectores, polo que non comprenden que se troque a súa ubicación dunha praza pública a unha finca privada. Dende o Grupo Municipal Socialista tamén critican que “se teñan que vender favores deste tipo á veciñanza” e afirman que “os veciños e veciñas non teñen porque agradecerlle a un concelleiro que o colector estea situado na súa propiedade, cando debería estar nun lugar de carácter público e de fácil acceso”.
O voceiro socialista en Cenlle, Jose Rodríguez Veloso, subliña que esta situació “é indignante” e que se trata dunha “mostra máis de como o Partido Popular mestura o público co privado co único fin de apañar uns votos entre a veciñanza de Cenlle”. Veloso afirma tamén que “un servizo público debe estar situado nun lugar de carácter público e non nunha finca privada” e considera un agravio que “sexa un concelleiro do PP o que ceda un terreo privado para situar
o colector de vidro”.

Para os socialistas, esta decisión da Mancomunidade do Ribeiro e que conta co apoio e visto bo do Concello de Cenlle é unha mostra máis do “clientelismo” e “caciquismo” do Partido Popular de Ourense, nun “claro” exercicio político de “comprar vontades”, vendendo “supostos favores” que neste caso fai un concelleiro do PP o ceder un terreo privado para aloxar un elemento de carácter público. O voceiro socialista, Rodríguez Veloso, tamén denuncia que “non se informase a veciñanza do cambio, xa que foron moitos os que non tiñan constancia de a onde se levara o colector”.
Veloso tamén critica a actual situación do colector, xa que tal e como apunta “atópase dentro dun aramado”, co que se dificulta o depósito dos envases de vidro dentro do mesmo e afirma que “hai que botar o lixo dende a beirarrúa e por riba do aramado polo que hai veciños e veciñas que teñen dificultades e así nolo fixeron saber”.

AVANTAR ACTIVIDADES