O BNG congratúlase de que o Goberno Local atenda a súa petición de executar unha modificación orzamentaria para eliminar as listaxes de agarda nas axudas para comedores escolares

A formación nacionalista trasladoulle esta proposta ao Concelleiro delegado de Servizos Sociais esta mesma mañá en Xunta de Área

Ourense, 13 de setembro de 2022. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense alédase de que a proposta nacionalista plantexada esta mesma mañá na Xunta de Área de Seguridade, Mobilidade e Servizos Sociais fose aceptada polo Goberno Local, tal e como comunicou a través dunha nota de prensa minutos posteriores á citada reunión.

AVANTAR ACTIVIDADES

E é que segundo se desprende da análise efectuada das listaxes provisionais, 299 solicitudes foron atendidas, mais 124 quedaron en lista de agarda pese a cumprir con todos os requisitos esixidos debido ao esgotamento da partida orzamentaria inicialmente prevista e que ascendía a 268.550 euros.

Segundo a concelleira do BNG Rhut Reza, quen trasladou a proposta de efectuar unha modificación orzamentaria en Xunta de Área, “non é de recibo que 124 familias queden sen axuda tendo dereito a ela por falla de orzamento”, e engade, “falamos de familias con ingresos moi baixos, con menos de 3.700 euros per cápita ao ano”.

Reza lembra que desde o BNG levan tempo advertindo da necesidade de revisar as Bases reguladoras co obxecto de poder darlle cobertura a un maior número de familias, “é certo que nos últimos tempos introducíronse unhas pequenas modificacións que permitiron chegar a algunha familia máis pero con todo, segue a quedar moita xente excluída pois por exemplo non se teñen en conta as causas sobrevidas polo que cómpre unha nova revisión e actualización das mesmas”.

Rhut Reza considera tamén necesario adiantar o procedemento a fin de que co comezo de cada curso “xa esté resolta a convocatoria e contribuir deste xeito a que as familias solicitantes saiban se son beneficiarias de ditas axudas e poidan así realizar unha maior planificación de comezo de curso, momento sempre de moita actividade e estrés para as familias e as crianzas”.