A partir de mañá as familias poden pedir a axuda para as prazas en escolas infantís

Publicidade ASPADISI
  • A convocatoria conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto durante un mes
  • A contía desta axuda oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais e está destinada aos primeiros fillos, xa que os segundos e sucesivos poden acollerse á medida da gratuidade da atención educativa implantada polo Goberno galego

A Xunta de Galicia abre mañá, e ata o 27 de agosto, o prazo de solicitude do Bono Concilia, unha prestación de entre 45 e 250 euros mensuais para axudar as familias a pagar unha praza para os seus fillos na escola infantil da súa elección, naqueles casos nos que non obtivesen praza nun centro público. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas achegas económicas cun investimento inicial de máis de 1,7 millóns de euros, ampliable en función das solicitudes que se presenten.

O feito de que todos os segundo fillos e sucesivos accedan á gratuidade da atención educativa cambia substancialmente o cometido do Bono Concilia. Por iso, neste 2020, esta axuda seguirá en vigor, pero estará destinada aos primeiros fillos. Outra das novidades da convocatoria deste ano é que para as nenas e nenos que obteñan praza nunha escola infantil pública a partir do 20 de outubro, as familias poderán escoller entre aceptar esa praza ou continuar co bono.

HIPER MASIDE

As solicitudes, xunto coa documentación requirida, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, tamén se poderán entregar de xeito presencial por rexistro.

O pasado 1 de abril Galicia converteuse na primeira Comunidade Autónoma en aprobar a gratuidade da atención educativa para os segundos fillos e sucesivos, en todas as escolas infantís de 0 a 3 anos con independencia da súa titularidade. Aínda que a actividade nestes centros se suspendeu por mor da pandemia da covid-19 e se retomará en setembro co inicio do novo curso, a decisión de que a atención educativa sexa gratuíta para as familias continúa vixente. Ademais de todas as escolas infantís públicas e as de iniciativa social, xa se acolleron a esta medida máis de 150 escolas infantís privadas.