PP e DO esixen as dimisións de Rodríguez Villarino e o subdelegado do Goberno

Os grupos do Partido Popular e Democracia Ourensana pedirán no pleno da Deputación de xuño as dimisións de Rafael Rodríguez  Villarino, como portavoz nas corporacións provincial e do Concello de Ourense, e do subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, “pola súa actitude destrutiva, especialmente contra os autónomos e pemes da provincia de Ourense”.  Así consta na moción conxunta rexistrada hoxe e coa que, segundo afirmou o  portavoz do grupo popular e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, “queremos deixar claro que Ourense non se merece representantes políticos tan sectarios que van en contra dos nosos veciños e veciñas, por puro interese electoral coa soa finalidade de destruír”.

Nunha moción conxunta, detallan en 11 puntos as razóns que avalan as peticións de dimisión, fundamentalmente polas actuacións dos representantes socialistas “viciadas de partidismo”, cun subdelegado subordinado ás “políticas anti-Ourense”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Plácido Álvarez quixo puntualizar que tanto o PP como DO “expresamos o noso máximo respecto ao Partido Socialista, aos seus militantes e electores, pasados, presentes e futuros, pero non imos permitir un xeito de política tan cruel e ruín no que se pon trabas e só se quere torpedear calquera acción do Goberno provincial pensada sempre no interese xeral de Ourense, do seu territorio e dos seus habitantes”.

A esa estratexia, denunciou Plácido Álvarez, sumouse o subdelegado do Goberno, “facendo entre ambos os dous unha utilización partidista das institucións do Estado, ata o punto de ordenar continuas inspeccións no no centro loxístico habilitado pola Deputaión no Paco Paz durante a pandemia e, agora, poñendo en marcha unha revisión da legalidade das axudas para autónomos e pemes”.

Unha subordinación a políticas “anti-Ourense” con total falta de transparencia, denunciou o portavoz do grupo provincial do PP,  “posto que non nos dan trámite de vista e audiencia ao expediente de revisión e descoñecemos quen está detrás desta manobra”.