O festival ‘Son do Colleiteiro’ combinará viño e música nas adegas do Ribeiro durante os meses de xullo e agosto

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un ano máis a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e de Vitivinicultura Artesanal de Galicia organiza o “Son do Colleiteiro”, o gran espectáculo de viño e música no verao de Galicia. A segunda edición deste evento foi presentado hoxe na Casa do Concello de Ribadavia e contempla unha programación que converterá O Ribeiro nun espazo de encontro entre viño, cultura, música e patrimonio ao longo dos meses de xullo e agosto, e que concluirá concluirá o 22 de agosto cunha gran romaría na capital do Ribeiro, consolidando asís a Ribadavia como referente histórico e cultural do viño galego e como escaparate privilexiado para a promoción dun dos principais sinais de identidade da comarca.

No acto estiveron presentes Xulia Bande e Alfredo Rodríguez, integrantes da asociación, e Antonio Míguez, vicepresidente da mesma, así como o alcalde de Ribadavia, César Fernández, e a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez. Durante a presentación púxose en valor a aposta por desenvolver actividades nos propios viñedos e adegas do Ribeiro, vinculando a experiencia vitivinícola coa paisaxe, a tradición e a cultura do territorio. Un modelo que busca poñer en primeiro plano o patrimonio material e inmaterial da comarca e que segue exemplos doutras rexións europeas de forte tradición vitivinícola.

A programación arrancará o 4 de xullo en Casal do Canteiro coa actuación de Kike Carrera e continuará con citas en distintas adegas da comarca cada sábado ata o 16 de agosto. O evento terá lugar cada sábado dos meses de xullo e agosto, e pódese seguir a programación na web e redes sociais dos colleiteiros, https://colleiteiros.com/ e en @colleiteiros O peche terá lugar en Ribadavia cunha gran xornada festiva que reunirá música tradicional, gastronomía e os viños dos colleiteiros participantes.

Desde o Concello de Ribadavia destacouse a importancia de iniciativas que contribúen a dinamizar a actividade cultural e turística da comarca, ao tempo que reforzan a imaxe da vila como capital histórica do Ribeiro e punto de encontro para a promoción do viño e da súa cultura.

Con “Son do Colleiteiro”, a asociación de colleiteiros “aposta pola tradición, a cultura e a historia, escollendo os viñedos e adegas da comarca como escenario cada sábado dos meses de xullo e agosto, e reforza a vila de Ribadavia como representante da historia do viño en Galicia e capital emblemática do viño do Ribeiro”, apuntou Alberto Úbeda, presidente do colectivo.

“Preténdese deste xeito devolver o protagonismo ao territorio do Ribeiro, apostando pola paisaxe, a tradición e a cultura como sinais de identidade, en sintonia co que se fai noutros lugares de Europa de historia e tradición vitivinícola semellante: Cataluña, Euskadi, Borgoña, Jura, Toscana, Burdeos, Alsacia, etc, onde os pequenos viticultores e produtores apostan polo territorio propio para da-lo a coñecer e potencialo, atraendo a numerosos amantes do viño e da cultura de toda Europa”, concluíu o presidente dos colleiteiros.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------