O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións visitou as novas instalacións do antigo convento de San Francisco coincidindo coa primeira xornada de portas abertas
O traspaso farase en agosto e suporá o movemento de 54.000 caixas de documentación, libros, pergamiños, carpetas e outros fondos bibliográficos
Este cambio de sede permitirá conformar, xunto coa Biblioteca Pública do Estado, un novo espazo cultural de referencia na cidade das Burgas
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, achegouse hoxe ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense para visitar as novas instalacións no antigo Convento de San Francisco e informarse sobre o traslado dos fondos desde a antiga sede, no Pazo Episcopal, que se iniciará na vindeira semana.
Durante a súa visita, coincidindo co inicio das xornadas de portas abertas para dar a coñecer á cidadanía as características deste novo inmoble, o titular de Cultura e Turismo en funcións sinalou que o traslado de fondos á nova sede será “o maior que se fixo nunca en Galicia”. Nesta liña, sinalou que os traballos que se prolongarán ata o mes de setembro, suporán o movemento de 54.000 caixas de documentación, libros, pergamiños, carpetas e outros fondos bibliográficos, ademais de mobiliario e enseres.
Este traslado corre a cargo do Goberno galego, que culminou xa o proceso de adxudicación dos traballos, por un importe próximo aos 100.000€. Ademais farase baixo a dirección e supervisión do persoal técnico do arquivo, co director, Pablo Sánchez Ferro, ao fronte, co obxectivo de garantir o especial coidado dos fondos que son singulares debido a súa antigüidade. O conselleiro en funcións subliñou a importancia deste proceso, xa que o arquivo conta con fragmentos de códices, impresos incunables, máis de 1.700 libros de institucións relixiosas, do Catastro de Ensenada ou do fondo antigo bibliográfico, así como documentos anteriores a 1960, edicións facsímiles ou obras en formato especial.
Incremento da capacidade
“Este cambio de sede permitirá conformar un novo espazo cultural de referencia na cidade das Burgas, ao sumar unha nova dotación cultural a unha zona na que tamén se atopa a Biblioteca Pública do Estado que inauguramos recentemente”, engadiu Román Rodríguez. Ademais, tal e como precisou, o traslado traerá consigo un considerable incremento da capacidade de custodia documental desta instalación, ao pasar dos 1.745m² do emprazamento actual, no Pazo Episcopal, ata os 9.350 m² da nova localización.
Cómpre destacar tamén que o espazo da vella sede do arquivo, no antigo Pazo Episcopal, quedará dispoñible para a ampliación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, cuxa sede actual se atopa noutra zona deste mesmo inmoble.
Catro sesións
As xornadas de portas abertas, que inclúen visitas guiadas polas novas instalacións, contaron con catro sesións que esgotaron xa todas as prazas dispoñibles e nas que, en total, participarán un centenar de persoas.
Durante o percorrido, os asistentes poderán contemplar a transformación arquitectónica á que se someteu o inmoble, así como as características funcionais e espazos asociados ao arquivo, como son as salas de investigación, as zonas administrativas, as salas expositivas e os depósitos, entre outros.
Cómpre lembrar que xa a mediados deste mes a Xunta asinou un convenio co Ministerio de Cultura y Deporte para a modificación e actualización dos enderezos e sedes doutros arquivos e museos de titularidade estatal e de xestión autonómica no que se formaliza o traslado desta dotación.