O punto administrativo de covid atendeu preto de 700 consultas dende a posta en marcha

O punto de atención administrativa covid-19 posto en marcha pola Consellería de Sanidade en Ourense o sábado 31 de xullo e que estará operativo durante todo o mes de agosto atendeu ao redor de 700 consultas cidadás, o que supón unha media de case corenta ao día.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe esta oficina de atención administrativa, acompañado polo Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial. Este punto administrativo, que  da servizo á poboación en horario de mañá e tarde, está ubicado no vestíbulo de entrada do Edificio do Espazo Xove (antiga Casa da Xuventude) na rúa Celso Emilio Ferreiro no centro da capital ourensá.

AVANTAR ACTIVIDADES

No punto administrativo do Espazo Xove o cidadán ten acceso inmediato á impresión dos certificados de probas diagnósticas, de vacinación e de enfermidade superada. Ten ademais a posibilidade de activar o sistema ‘Chave 365′  ou a tramitación dunha alta rápida no sistema galego no caso de tratarse de persoas con residencia fora da comunidade.

Gabriel Alén lembrou que o desde o seu inicio o servizo tivo unha acollida “extraordinaria” entre a poboación pero sobre todo na xente nova xa que moitos dos usuarios que a demandaron foron os propios participantes das probas de cribados que se están a realizar nas mesmas instalacións. Estes test diagnósticos se realizan tres veces por semana e os asistentes aproveitan para facer os seus trámites administrativos ou conseguir os seus certificados.

Polo que respecta á actividade desenvolvida nestes vinte días, ademais dos 150 certificados de vacinación expedidos, no servizo atenderon 290 consultas relacionadas coas aplicacións Sergas Móvil e E-Saúde, 120 persoas tramitaron a activación da Chave 365 que posibilita realizar todos os trámites e se atenderon 130 consultas informativas sobre como é o acceso, funcionamento e a descarga dos diversos certificados nos dispositivos dos usuarios.

Asemade, a Xunta de Galicia ten organizado durante este mes de agosto, a través da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, a realización de tests de antíxenos de xeito gratuíto en tres puntos da provincia. O punto para o cribado na capital ourensá está situado no interior do mesmo edificio do Espazo Xove e está en funcionamento os martes, xoves e sábados en horarios de mañá e tarde. Os outros dous puntos de cribados nos distritos sanitarios de Verín e O Barco de Valdeorras están operativos todos os sábados do mes de agosto nos dispositivos móbiles chamados Cribabús, en horario de mañá e tarde, e que tamén teñen incorporado o seu correspondente punto administrativo para a emisión de certificados e para a activación da “Chave 365”.

Ata o día de hoxe, estes puntos de cribado realizaron tests a un total de 1.700 persoas e estas probas diagnósticas axudaron a detectar a 17 positivos, permitindo así que se cortasen as liñas de transmision da enfermidade. Esta medida xúntase a todas as demais alternativas de probas diagnósticas que temos dispoñibles e que van desde os cribados poboacionais mediante PCR nos Covid Auto, no VaciCRIB, a PCR en saliva, os test de antíxenos ou os autotest.