---------------------------------------------------------------------------------------------------------
O Concello de Beariz fixo público o fallo do xurado dos seus Certames Literario e Fotográfico de 2026, unha convocatoria que volveu reunir numerosas obras de notable calidade. O xurado, reunido na Casa do Concello baixo a presidencia de honra do alcalde, Manuel Prado López, e coa participación de representantes do ámbito cultural e artístico, valorou as obras presentadas atendendo á súa calidade literaria, creativa, técnica e artística.
No Concurso Literario, o 1º premio, dotado con 500 euros e diploma, foi para "Las puertas abiertas", de Vanesa Dapena Lorenzo.
O xurado destacou a capacidade do relato para transmitir, cunha linguaxe sinxela e emotiva, unha profunda reflexión sobre a vellez, a perda e a evolución do Alzheimer. A obra constrúe unha suxestiva metáfora arredor do son silencioso da porta da habitación que o pai abre cada noite para velar pola súa filla.
O 2º premio, dotado con 300 euros e diploma, foi concedido a "O gol que nunca marcou Pelé", de Pablo Nogueira Campo, un relato de estilo áxil e directo que aborda, con ironía e sensibilidade, a farsa, a frustración e a nostalxia ligadas á emigración galega a ultramar. O 3º premio, dotado con 200 euros e diploma, recaeu en "Sinestesias", de Beatriz Pérez González, unha historia de gran actualidade sobre a violencia de xénero e a solidariedade interxeracional, construída desde diferentes puntos de vista narrativos.
No apartado fotográfico, o 1º premio, dotado con 200 euros e diploma, foi para Alfredo Javier Ramos Varela, pola súa obra 'Divina Luz'. O 2º premio, dotado con 100 euros e diploma, correspondeu a Rodrigo Muradás Lorenzo, pola fotografía 'La impermanencia del tiempo'. O xurado decidiu conceder dous terceiros premios ex aequo, dotados con 50 euros e diploma cada un, ás obras 'Nevada', de Santiago Valiñas Rivas, e 'Ollando Magros', de Iago Manuel Souto Lorenzo.
O Concello de Beariz quere destacar, ademais, o seu compromiso co fomento da participación e da creación artística. Por este motivo,
concederá unha gratificación especial de 6€ a cada unha das fotografías admitidas ao concurso que non resultasen premiadas. Esta medida pretende recoñecer o esforzo dos participantes e incentivar a continuidade dunha convocatoria que contribúe á promoción da creación artística e á participación cidadá no municipio.
O fallo do xurado, de carácter inapelable, foi dado a coñecer publicamente ás 20,00 horas no salón de actos da Casa do Concello de Beariz. A entrega dos galardóns terá lugar nas vindeiras datas, nun acto que será comunicado oportunamente polo Concello.
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------










