Manuel Baltar: Urxe devolver os aforros ás entidades locais para que a reactivación económica non se faga só á conta da poboación

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe tras participar na reunión celebrada pola Xunta de Goberno da FEMP que urxe devolver os aforros ás entidades locais para que a reactivación económica non se faga só á conta da poboación . Baltar considera imprescindible que deputacións e concellos poidan recuperar canto antes os fondos que por xustiza lles corresponden, e que o Goberno mantén secuestrados, para poder cooperar con maior fortaleza económica na recuperación do emprego e a competitividade social .

O presidente provincial considera que de ?boas intencións non se vive , en referencia á proposta que Facenda remitirá mañá ás entidades locais; é necesario un cambio profundo de formulación para que o municipalismo poida aceptar o acordo, xa que, pola contra, seguiremos dilatando no tempo un grave problema de liquidez das entidades locais, que repercute nos servizos que prestamos a autónomos, comerciantes, empresarios, ás familias e á sociedade dos nosos municipios e provincias .

AVANTAR ACTIVIDADES

O novo documento que se acorde entre as entidades locais e o Goberno debe priorizar, ante todo, a urxencia de inxectar na economía real -a que día a día vive a nosa poboación- os aforros que o Goberno se mostra remiso a devolvelos, e que pretende facelo actuando como un banco malo , hipotecando durante dez anos as arcas das entidades locais , expresa Baltar, afirmando que non imos aceptar que se incauten dos aforros das entidades locais, e menos ser cómplices dos despilfarros do Executivo de Pedro Sánchez, pero si estaremos dispostos a negociar para que non rompa o acordo histórico que desde sempre presidiu a FEMP neste aspecto económico, iso si, antepondo sempre os intereses das entidades locais a calquera outra estratexia partidista, para que o superávit e o remanente de tesouraría que nos corresponden sexan utilizados como as entidades locais consideren, respectando absolutamente a súa autonomía local .

Baltar non se explica como en Europa Sánchez rompe lanzas en favor de países en peor situación económica, mentres que na dura etapa que estamos a atravesar, coa pandemia do COVID-19 aínda moi presente, pretende afogar a pobos, cidades e provincias impedindo que as entidades locais dispoñan dos seus fondos para que a reactivación social e económica sexa unha realidade canto antes , conclúe Manuel Baltar.