Accidentado un hidroavión nun incendio no concello de Lobios: un morto e un ferido

Foto Europa Press

UNHA PERSOA FALECEU E OUTRA RESULTOU FERIDA NO ACCIDENTE DUN HIDROAVIÓN DO OPERATIVO PORTUGUÉS DE EXTINCIÓN NO LUME DO CONCELLO DE LOBIOS QUE AFECTA O PARQUE NATURAL DO XURÉS

AVANTAR ACTIVIDADES
  • O helicóptero Pesca I da Xunta desprazouse ao lugar para asistir aos ocupantes da aeronave
  • O ferido, que sufriu varios politraumatismos, foi trasladado a un hospital portugués nun helicóptero medicalizado do país veciño
  • O conselleiro do Medio Rural desprazarase esta tarde á zona para coñecer máis detalles do sinistro e comprobar como avanzan os traballos de extinción

A Consellería do Medio Rural informa de que unha persoa faleceu e outra resultou ferida no accidente que sufriu un hidroavión do operativo portugués de extinción cando actuaba no lume rexistrado no concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín, que afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. O helicóptero Pesca I da Xunta desprazouse ao lugar para asistir aos ocupantes da aeronave. A persoa ferida, que sufriu varios politraumatismos, foi trasladada a un hospital portugués nun helicóptero medicalizado do país veciño.

Esta tarde tamén se desprazará á zona o conselleiro do Medio Rural, José González, para coñecer máis detalles do sinistro e comprobar in situ como avanzan os traballos de extinción.

O lume, que entrou en Galicia desde a parte portuguesa do parque natural, iniciouse ás 8,00 h. desta mañá e a esta hora permanece activo. Segundo as primeiras estimacións, afecta unhas 10 hectáreas na nosa comunidade. No control do incendio levan traballado 4 axentes, 12 brigadas, 4 motobombas, 9 avións e 5 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.