As Forzas Armadas únese á loita contra os incendios en Galicia

  • José González puxo en valor o dispositivo de persoal do Operativo Centinela Galego que rolda os 7.000 efectivos mobilizados, contabilizando tanto os medios da propia Xunta como os dos concellos, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e Ministerio de Defensa

A Xunta, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o Exército teñen “os ollos postos na nosa riqueza forestal”, de forma que están “vixilantes e moi atentos ao que pasa nos nosos montes”, polo que seguirán sendo “implacables” de cara a frear os incendiarios e poñelos a disposición da Xustiza.

Así o reiterou hoxe o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, quen supervisou na Base General Morillo (en Figueirido, Pontevedra) o despregue das tropas da Operación Centinela Gallego. Engadiu ademais que “imos seguir sendo contundentes na loita contra os delincuentes que poñen en risco os nosos montes e, sobre todo, as persoas”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O titular de Medio Rural, que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, reiterou que a vixilancia e a disuasión constitúen unha prioridade de cara a reducir a actividade incendiaria intencionada. Unha acción ilegal que se pon de manifesto -lembrou- cos últimos datos sobre a nocturnidade e a existencia de varios focos simultáneos na metade dos lumes rexistrados en Galicia no último mes. Isto amosa claros indicios de intencionalidade, remarcou, ao igual que o feito de que os incendios se declararan en condicións de temperaturas elevadas ou vento forte.

Base Brilat (Figueirido). Presentación operación ‘Centinela Gallego’.

Por todo isto, José González advertiu que se mantén “a garda alta”, intensificando o control sobre os nosos montes con medios humanos e materiais. Neste sentido, puxo en valor o dispositivo de persoal que rolda os 7.000 efectivos mobilizados, contabilizando tanto os medios da propia Xunta como os dos concellos, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Ministerio de Defensa etc.

Despregue material

Este esforzo, engadiu o conselleiro, apóiase ademais nun importante despregue material e técnico. Así, citou as 360 motobombas e a trintena de medios aéreos -aos que se suman os drons- cos que conta o Servizo antiincendios, así como as 120 cámaras que vixían os montes e que monitorizan o 60% do territorio galego. Neste sentido, González destacou a colaboración das Forzas Armadas a través desta Operación Centinela, cun operativo de 27 patrullas no territorio, para tarefas de vixilancia e disuasión.

A maiores, o conselleiro do Medio Rural seguiu apelando, para reforzar esta loita, á colaboración cidadá, que se facilita mediante diferentes vías, como son os números de teléfono 085 para alertar dun lume ou o 900 815 085 para denunciar actividades incendiarias.

Precisamente en relación coa cooperación veciñal, José González destacou que xa está a dar “grandes resultados”, como a posta a disposición xudicial dunha muller descuberta in fraganti, a piques de prender lume e que foi retida polos veciños no municipio pontevedrés de Nigrán. Tamén fixo referencia ao ingreso no cárcere, de forma preventiva, do presunto autor de case unha ducia de lumes no municipio ourensán da Teixeira grazas á intervención e á profesionalidade dun axente ambiental do servizo antiincendios da Xunta.

Dito isto, o titular de Medio Rural reiterou a mensaxe de “tolerancia cero” cos incendiarios, xa que -remarcou- “poñen en perigo o noso patrimonio forestal e a vida das persoas”.