José Benito Sieiro deixará de ser párroco do Carballiño despois de 27 anos

O párroco do Carballiño, José Benito Sieiro González, leva 27 anos á fronte da parroquia de San Cibrao e durante a xornada de hoxe deuse a coñecer a súa intención de retirárse xa do seu cargo. No mes de xuño, dende o concello, poñíase en marcha unha iniciativa para facerlle unha homenaxe pola súa labor durante este tempo. Nese momento, unha das organizacións que fixeron esta proposta foi Cáritas, para a que leva máis de dúas décadas facendo labor social, ademáis de moitos feligreses.

Publicidade

Dende o concello do Carballiño recoñeceuse en numerosas ocasións o seu traballo e incluso, o alcalde, Francisco Fumega, tamén destacou o seu compromiso “desde sempre coas problemáticas de todas as parroquias nas que estivo, incluso foi o impulsor da cooperativa de tabaco da Baixa Limia para contribuír ao desenvolvemento da zona”.

José Benito Sieiro naceu en Lebosende (Leiro), onde oficiou a primeira misa en decembro de 1960. Leva exercendo de sacerdote 60 anos, os últimos 27 no Carballiño. Mañá oficiará unha das últimas misas, que será na honra das “Irmás dos anciáns desamparados”, congregación que estaba ó fronte do coidado do Asilo do Carballiño ata o de agora que será substituida polas “Servas de Xesús”.