Nota Informativa de Ribeiro en Común sobre o campo do Xestal

O Concello continúa sen reclamar a Garantía do Campo do Xestal.

Ribeiro en Común  pedimos que se execute a GARANTIA desta obra defectuosa. Reclamamos que se cumpra o aprobado no Pleno e se solucione a situación do Campo do Xestal.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ribeiro en Común denunciamos a permisibilidade e connivencia destes gobernos coa empresa adxudicataria. No lugar de arranxar o problema dun campo defectuoso usando a garantía, Deputación e Concello continúan destinando diñeiro público a unha obra fraudulenta.

Despois de 19 días sen celebrarse Xunta de goberno local, no día de onte decidiron continuar sen reclamar a Garantía da obra defectuosa do Xestal e seguir incumprindo o aprobado polo Pleno Municipal. Unha nova mostra de desprezo ao órgano principal do Concello dun goberno en minoría.

Ademais, veñen de destinarse 48.000 euros a maiores para un campo cuxo terreo de xogo está demostrado que  foi mal executado. Súmanse así aos 350.000 euros destinados a unha obra estragada que incumpriu o contrato público, e que polo tanto de non executarse a garantía reclamada polo Pleno será diñeiro despilfarrado e malversado polo Concello e a Deputación.

Ribeiro en Común reclama que se execute a garantía por parte de Concello e Deputación. No caso de que estes gobernos e a súa irresponsabilidade provoquen que unha obra de máis de 400.000 euros quede inservible e en mal estado para o noso deporte base, entón o noso grupo municipal estudará adoptar medidas legais para defender os intereses muncipais.

A Ribeiro en Común non lle parece serio nin riguroso a permisibilidade e connivencia destes gobernos coa empresa adxudicataria, a pesar de estar demostrado que o terreo de xogo foi mal executado e o seu estado imposibilita o seu uso. No seu día xa denunciabamos que se recepcionara por parte da Alcaldía unha obra nunhas condicións demostradamente defectuosas.

O pasado Pleno Municipal de xullo foi taxante: reclamar a garantía desta obra defectuosa. O goberno despois de 20 días de vacacións continúa sen cumprir o mandato plenario en connivencia coa empresa que realizou mal unha obra millonaria.