O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar pide a rehabilitación integral no casco vello de Melias

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar reitera “unha vez máis” a necesidade de levar a cabo unha rehabilitación integral no casco vello do termo municipal de Melias, así como a posta en valor do peto das ánimas, que se atopa nunha situación de “abandono e deixadez” por parte do grupo de goberno municipal do Partido Popular. Os socialistas denuncian a negativa constante do PP para levar a cabo esta actuación e apuntan que “en máis de 30 anos, que levan gobernando en Pereiro, non foron capaces de darlles unha solución á veciñanza de Melias”.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que levan presentadas numerosas iniciativas dende fai anos, solicitándolle o Concello a rehabilitación integral deste casco vello, o ser a administración competente na materia. Os socialistas presentaron varios proxectos de rehabilitación para a zona polo seu gran valor patrimonial e histórico, nos que solicitaban o soterramento do cableado, tanto da luz como da telefonía, no casco histórico, e a retirada dun poste da luz que tapa por completo o Peto das Animas, datado en 1800, situación que en palabras do voceiro socialista, Jorge Gutiérrez, “leva sendo denunciada pola veciñanza nos últimos tempos, pero sen que se lle dea algún tipo de solución”. Os socialistas tamén reclaman que se mellore o empedrado das rúas e a iluminación led en toda a aldea de Melias.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas tamén denuncian que “se faga oídos xordos” ante as reclamacións da veciñanza que levan anos solicitando que se retire o poste da luz que fica diante do peto das ánimas, un dos elementos artísticos da parroquia, que “presenta tamén deficiencias no seu tellado”, sinala Gutiérrez, que tamén apunta que “os veciños e veciñas de Melias están fartos de que se ignoren as súas peticións e xa nos trasladaron numerosas queixas para que sigamos facendo forza en favor dunha rehabilitación integral das ruas pola que levan loitando nos últimos anos”.

Dende o PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar lembran que xa en novembro 2017 presentaron unha moción na que pedían a rehabilitación do casco vello de Melias, alegando a necesidade de “mellorar os servizos e dotacións públicas ofrecidas á veciñanza e de conseguir un municipio máis habitable, dado o incremento demográfico dos últimos anos”. Esta iniciativa tal e como comenta o voceiro socialista “foi tombada polo PP, a pesar de tratarse dun proxecto ambicioso”. Os socialistas instaban ao Concello a redactar un proxecto de rehabilitación integral da rúa principal do casco histórico, o cal foi substituído polo goberno municipal, botando simplemente unha capa de rega asfáltico e grava miúda, Que os socialistas cualifican de “chapuza”.

Tamén, en xaneiro de 2017, pediran o soterramento do cableado aéreo en todo o municipio de Pereiro de Aguiar. “Pedímoslle o grupo de goberno que elaborasen un plan para eliminar o cableado nos vindeiros anos e que se demandase as empresas e administracións competentes as medidas oportunas para rematar con este tipo de cables e se optase polo soterramento, pero a resposta do PP foi tamén negativa”, denuncia Jorge Gutiérrez, quen finaliza apuntando que “agardemos que ante o clamor veciñal se poñan a traballar dunha vez por Melias e pola rehabilitación do resto de pobos do Pereiro”.