O BNG urxe á Xunta de Galiza e ao Concello de Ourense a garantir o servizo de comedor do CEIP As Mercedes

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A formación nacionalista insta ao goberno galego e ao Concello e Ourense a buscar unha solución que permita manter un servizo esencial para as familias do colexio e que a Xunta pretende desmantelar escasamente unha semana antes do inicio do curso

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

AUDIO RHUT REZA

Onte pola tarde os concelleiros do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza xunto aos deputados por Ourense no Parlamento galego Noa Presas e Iago Tabarés, mantiveron un encontro con nais e pais do CEIP As Mercedes para avaliar a situación xerada pola Xunta de Galiza no centro, poñendo en perigo a continuidade do servizo de comedor escolar.

Desde O BNG destacan que nas últimas semanas estamos a ver ao longo do país numerosos exemplos da improvisación e deixadez de funcións da Xunta de Galiza no ámbito do ensino e dos servizos relacionados como son os comedores escolares. Ante unha crise sen precedentes como a da COVID-19, a Xunta de Galiza decidiu poñerse de perfil diante das necesidades dos centros, prolongar sen xustificación a notificación de protocolos, ignorar as demandas da comunidade educativa e un longo etcétera como dan cumprida conta as protestas e mobilizacións ao respecto.

Un dos elementos vinculados ao ensino que é de especial relevancia e require de especial atención neste contexto son os comedores escolares. No caso do CEIP As Mercedes, este é un servizo que recuperou e xestiona a ANPA desde o ano 2007 e a alta demanda ten un correlato no aumento de matrícula que experimentou o centro.

Lembran desde o BNG que este CEIP ten moitas limitacións de espazo, polo que ao longo deste tempo a ANPA asinaba anualmente un convenio coa Xunta de Galiza para empregar as instalacións públicas da Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, próxima ao centro educativo. É máis, durante varios cursos escolares compartiuse o uso da cociña ata a negativa da Xunta de Galiza aducindo unha meirande necesidade por parte da Residencia.

O 28 de agosto, despois de varias semanas solicitando información, a ANPA da Pía da Casca foi informada telefónicamente de que para o curso que comezaba de inmediato non sería posíbel asinar un novo convenio, nin sequera constando comunicación escrita e non habendo desde as xefaturas de Política Social ou de Educación ningunha alternativa nin compromiso, reducindo as posibilidades a aproveitar as limitadas instalacións do CEIP, unha opción, que suporía tamén unha renuncia ao uso normal de espazos como o da biblioteca.

Destacan desde o BNG que o CEIP As Mercedes é o único centro público da zona centro de Ourense, que ten unha matrícula completa e que o servizo de comedor é moi demandado, pois teñen cada ano arredor de 75 usuarios e usuarias con dúas quendas de servizo e lista de agarda, xa que non teñen capacidade para abrir unha terceira. Ademais, a ANPA tamén xestiona o servizo de acollida temperá e diversas actividades extraescolares.

A falta de colaboración da Xunta de Galiza e a súa deixadez de funcións pon en perigo a viabilidade destes servizos, facendo recaer na ANPA funcións que, segundo o BNG, deberían ser asumidas desde as administracións públicas.

Tanto desde o grupo municipal coma desde o grupo parlamentar do BNG amosáronlle todo o seu apoio as nais e pais do centro ao tempo que instaban á Xunta de Galiza a que se comprometa e implique na viabilidade do servizo de comedor no CEIP As Mercedes de Ourense e procure unha solución en colaboración coa comunidade escolar e o Concello de Ourense, ao cal lle reclaman que se pronuncie ao respeito do que está acontecendo no centro.

Por todo elo, o Grupo Parlamentar do BNG presentará unha iniciativa no Parlamento galego, ao tempo que o Grupo Municipal no Concello de Ourense fará o propio a través dunha moción que presentará para debater no vindeiro pleno municipal.