Gabriel Alén destaca as axudas da Xunta para a renovación dos electrodomésticos nos fogares

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ao establecemento comercial Bermello da cidade de Ourense, para anunciar que a partir de mañá mércores, 8 de febreiro, ábrese o prazo aos particulares da solicitude  das axudas do programa Galicia Renova Electrodomésticos ata que se esgote o crédito, sendo a data límite o 30 de setembro. Estas axudas poderán solicitarse nos establecementos comerciais adheridos dende o pasado 18 de xaneiro e ata o 30 de xuño, que a día de hoxe suman un total de 60.

O delegado territorial sinalou que a nova convocatoria destas axudas, que este ano contarán cun orzamento de 3M€ -un 50% máis que en 2022-,  están destinadas a favorecer a renovación de electrodomésticos en 20.000 fogares galegos. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Enmarcada no Plan de medidas específicas para o comercio galego e co obxectivo de apoiar a transición enerxética, os apoios do programa Galicia Renova Electrodomésticos están dirixidos a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.

As axudas son de concorrencia non competitiva -por orde de solicitude- e tramitadas a través de entidades colaboradoras. Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario. Os particulares poderán solicitar as axudas a partir do 8 de febreiro e ata que se esgote o crédito, sendo a data límite o 30 de setembro.

O listado de establecementos adheridos por provincias e concellos pode consultarse na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), no apartado Plan Renove Electrodomésticos 2023 ou na web https://appsinega.xunta.es/IN414B_2021/consulta/. Na provincia de Ourense hai inscritas 60 ata agora.

Esta nova convocatoria da Xunta prevé favorecer o aforro económico, a redución do consumo enerxético e mingua a das emisións contaminantes, ademais de contribuír a xerar emprego.

O Goberno galego prevé, con esta nova convocatoria, unha mobilización de 10,5M€, aforros económicos anuais de 800.000 euros, unha redución do consumo enerxético de 4000MWh/ano, unha diminución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 60.000 árbores e o mantemento ou creación de preto de 150 postos de traballo, entre directos e indirectos.

Con esta liña de apoios a Xunta aposta novamente pola transición enerxética e promove un cambio cultural que proporciona ás familias as ferramentas necesarias para a descarbonización da economía.

Estas axudas alcanzan a súa cuarta convocatoria consecutiva desde 2020, posibilitando nos tres últimos anos un total de 45.622 actuacións, o que serviu como medida para reactivar a actividade comercial e facer fronte tanto aos efectos da pandemia neste sector como aos elevados prezos enerxéticos.