O Psdeg presenta unha moción para que a rúa situada entre a alameda e a praza de abastos número 1 reciba o nome do alcalde socialista fusilado, Manuel Suárez Castro

Esixen “saldar unha débeda histórica” e dar cumprimento a un acordo plenario de 2004 polo cal se instaba ao goberno local a honrar a figura do rexedor mártir dedicándolle unha rúa céntrica da cidade

Reclaman o legado do alcalde represaliado, cuxo fundamental papel na construción da praza de abastos redundou nunha obra que contribuíu a “xerar riqueza e prosperidade para a cidade”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 31 de agosto de 2022. O PSdeG-PSOE defenderá unha iniciativa no pleno municipal deste venres para reclamar que o Concello de Ourense dea cumprimento dunha moción socialista aprobada na sesión plenaria do 9 de xaneiro do ano 2004 para dedicar unha rúa céntrica da cidade na honra do alcalde socialista fusilado no ano 1937, Manuel Suárez Castro. A través desta iniciativa, as e os socialistas propoñen que a rúa situada entre a Alameda e a Praza de Abastos número 1 –actualmente rúa Tras Alameda– reciba o nome de ‘rúa Praza de Abastos Manuel Suárez Castro’, materializando así o acordo adoptado pola corporación hai case 19 anos e saldando “unha débeda histórica que require do acordo político para poder concretarse”.

“Este venres, a cidade de Ourense será un pouco mellor porque seguirá a pagar unha débeda insaldable con Manuel Suárez Castro, o alcalde que foi asasinado o 27 de xullo de 1937, no abrente dese día” destacou o voceiro socialista, Rafa Villarino, quen reivindicou a figura de Suárez como “unha persoa que se comprometeu coa cidade fronte a uns sublevados que só tiñan un obxectivo: impoñer un réxime ditatorial que acabou cos soños de moitas persoas”.

No texto da moción, as e os socialistas destacan e reclaman o legado do alcalde represaliado, cuxo papel na construción da praza de abastos redundou nunha obra que “contribuíu a dinamizar o comercio e xerou riqueza e prosperidade para a cidade”.

Xunto coa súa participación no impulso do mercado, destacan tamén o compromiso de Suárez coas persoas anciás e coas nenas e nenos orfos, ou as axudas ás organizacións relixiosas, “que tamén lle deu á escola laica neutral”. Neste sentido, dende o grupo socialista reivindican o carácter “integrador” a nivel político do homenaxeado, que “nunca fixo diferenzas entre persoas de distintas ideoloxías” e foi “un alcalde de todas e todos, sen excepcións”.

Ao entender do grupo socialista, con esta acción “cumpriríase o acordo estipulado no plenario de xaneiro de 2004, reflectindo, en último termo, o consenso municipal sobre a valía dunha icona que transcende as siglas políticas, erixíndose en símbolo inmorredoiro da concordia, a humildade, o esforzo e o altruísmo, a busca do progreso, o sacrificio e a entrega máxima que identifican as persoas exemplares”.

O grupo socialista tamén tivo palabras de lembranza para a familia do homenaxeado, a quen estendeu un convite para acompañalos nesta sesión.  “Isto é un acto de xustiza, un acto na honra da democracia e de todas aquelas persoas que sufriron represión por defender nin máis nin menos o que hoxe supón a democracia”, concluíu Villarino.

Manuel Suárez

Último alcalde republicano de Ourense en 1936 e primeiro socialista. O seu traballo pola mellora da cidade ourensá comezou moito antes, primeiro como concelleiro e máis tarde como vicepresidente da Deputación. Instou á convivencia pacífica e á solidariedade.

Nado nunha familia moi humilde, foi un mozo autodidacta ávido de coñecemento, un traballador implicado na mellora das infraestruturas e das condicións de vida, particularmente daquelas persoas máis necesitadas. Foi un político que tratou de conciliar –tanto na capital coma na deputación provincial– as distintas sensibilidades  sociais, respectando, sen prexuízos, a quen non compartía os seus mesmos principios.

A súa carreira política foi de gran relevancia dentro do PSOE e do sindicato UGT de Ourense, converténdose na figura máis relevante do socialismo ourensán. A súa traxectoria política estivo ligada á defensa dos dereitos dos traballadores, á loita contra o caciquismo e ao progreso económico, social e democrático da cidade ata o 1937, ano no que foi fusilado, despois de permanecer oculto durante un tempo.

Foi nomeado fillo predilecto e preceptor da Medalla de Ouro da cidade no 2009, durante o anterior goberno socialista, ao cumprírense 72 anos da súa morte.