O BNG pedirá explicacións ao goberno PP-DO pola anulación por parte da xustiza da instrución de terrazas e veladores

Desde a formación nacionalista lembran que xa no seu día advertiron da improdecencia da mesma e de que estábamos diante dunha “ordenanza encuberta”

O Xulgado do contencioso – administrativo número 1 de Ourense ven de anular a instrución aprobada polo Concello de Ourense en decembro de 2020 para regular as autorizacións para a instalación de terrazas e veladores nas rúas do concello. Xa daquela e tal e como sinalan desde o Grupo Municipal do BNG, “xa advertimos da improcedencia da norma pois abordaba cuestións que son propias dunha ordenanza”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A concelleira Rhut Reza insiste, “nós xa advertimos no seu día de que a instrución en realidade non era outra cousa que unha ordenanza encuberta e de que existían serias dúbidas sobre a súa aplicación, algo que agora a xustiza deixa moi claro ao afirmar que a ordenación das terrazas e os veladores soamente se pode facer a través dunha ordenanza Municipal”.

Reza amosa dúbidas a conta dos efectos que pode ter a recente anulación da instrución, e sobor de todo, “da incidencia nas decisións adoptadas baixo a mesma”.

Outra das queixas da concelleira nacionalista ten que ver coa tardanza á hora de elaborar a nova ordenanza xa que “estivo demasiados meses metida nun caixón, tempo que se podería ter aproveitado para avanzar na súa tramitación”.

Actualmente rematou o prazo de exposición pública e para a presentación de alegación, algo que fixeron desde o Grupo Municipal do BNG, e que agardan, “sexan aceitadas e se poidan incorporar ao texto final para dotar canto antes ao concello de seguridade xurídica neste ámbito que desde logo non é menor”.