A escritora carballiñesa Laura Novelle debuta na ficción cunha historia de amor que racha estereotipos

A escritora e docente carballiñesa, vén de autoeditar a súa primeira novela “Cuando me digas te quiero”, unha historia que se afasta dos clixés do xénero romántico e que xa se pode mercar en Escolma Libraría

Escribir é case unha necesidade vital para Laura Novelle historiadora e docente da Universidade de Vigo que ten unha ampla traxectoria ano ensaio e na investigación. Orixinaria do Carballiño e afincada no Barbanza, acaba de dar un paso máis adentrándose por vez primeira no mundo da ficción. Cuando me digas te quiero é a súa primeira novela, orientada a un público xuvenil e adulto. ««Non tiña en mente escribir un libro así, pero presenteime a un concurso de microrrelatos e esa experiencia fixo xurdir o embrión da personaxe principal. Co tempo, empecei a desenvolvelo e logo, durante o confinamento, tiven tempo para rematar a historia, convertida xa en novela longa», conta. Esa personaxe é Nora, unha rapaza que ten unha vida aparentemente perfecta ata que todo se derruba. «O cerne da novela é a súa evolución, o cal permite tratar outros temas, como as relacións, a amizade, as prioridades da vida… Creo que toda historia se pode aproveitar para facer reflexionar, desmontar o que damos por sentado», di.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sen desvelar a trama, a autora insiste en que non é unha novela típica do xénero. «Non me gustan ese tipo de libros, creo que os temas están algo trillados, polo que aproveitei a miña a historia para introducir outros valores: respecto, coidado, diálogo…  Creo que é necesario para a mocidade de hoxe, rodeada de estereotipos sobre o amor romántico», afirma. O humor, a emoción e a intriga están tamén presentes nunha obra que está dispoñible en Escolma Libraría, en Tanco (Ourense) e en Amazon.

A experiencia da autoedición non é nova para Novelle, porén, o proceso de publicación non é sinxelo. «Publicar fóra do circuito tradicional implica un desembolso económico e tamén esforzo e paciencia. É moi complicado chegar a librarías se non tes apoio, como me acontece a min con Escolma. Pero, unha vez que o acadas, é moi gratificante», comenta. ¿Tanto como para seguir polo camiño da escritura de ficción?. «Seguramente si, porque para min é moi liberador. Polo de agora quero centrarme en dar a coñecer Cuando me digas te quiero e en encontros con lectores, pero non descarto repetir», desvela. O premio que Novelle vén de acadar no certame de relatos Historias no Camiño,  co gallo do presente Ano Xacobeo, pode ser un estímulo. «En setembro verá a luz o libro cos relatos premiados, moi coidado e a verdade é que me resulta moi ilusionante. É un relato curto en galego que incide na transformación vital que pode supoñer facer o Camiño. Agardo que guste», adiántanos a autora. Desexámoslle sorte e, desde logo, moito éxito nesta nova faceta.