Os exames oficiais, adiados por mor da crise da covid-19, realizaranse en Santiago de Compostela e Ponferrada baixo un estrito protocolo de seguridade sanitaria

O Portal da Lingua Galega ofrece hoxe as listaxes definitivas de persoas admitidas, un total de 1780

A Xunta de Galicia vén de fixar as datas de realización das probas de acreditación do Celga da convocatoria 2020 para os días 26 e 27 de setembro (Celga 4), 3 de outubro (Celga 2), 4 de outubro (Celga 3) e 10 de outubro (Celga 1), nas localidades de Santiago de Compostela e de Ponferrada, como vén sendo habitual. O Portal da Lingua Galega www.lingua.gal adianta hoxe esta información, que será tamén publicada no e no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días, e fai públicas das listaxes definitivas de persoas admitidas por niveis, que suman un total de 1780 nesta convocatoria que estaba prevista para desenvolverse entre os meses de maio e xuño e que tivo que adiarse por mor da crise da covid-19.

Protocolo de seguridade

Os exames desta convocatoria 2020 realizaranse baixo un estrito protocolo de seguridade sanitaria, co fin de protexer a saúde propia e a das demais persoas, polo que se deberán respectar unha serie de medidas, desde tomar a temperatura na véspera e no día da proba e observar posibles síntomas respiratorios; levar máscara cirúrxica ou FFP2 tapando nariz e boca; empregar xel hidroalcohólico ou manter unha distancia de seguridade de 1,5 metros.

Quen presente síntomas compatibles coa covid-19, fose diagnosticado coa enfermidade e quen estean en illamento ou corentena por contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada nos últimos 14 días non poderá acudir á proba. Tampouco se permitirá a entrada de acompañantes nin doutras persoas alleas á proba, agás no caso daquelas que precisen asistencia.

Por niveis e localidades, examiranse do Celga 1, en Santiago, 74 persoas; do Celga 2, 228: 201 en Santiago e 27 en Ponferrada; do Celga 3, 430: 356 en Santiago e 74 en Ponferrada; e do Celga 4, 1048: 835 en Santiago e 213 en Ponferrada. Os centros de realización das probas daranse a coñecer proximamente no Portal da Lingua Galega.

O sistema Celga

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.Imaxes relacionadas