A iniciativa ten por obxectivo “recoller preocupacións e achegas para construír un proxecto de cidade axeitado ás necesidades do cidadán”, afirma a presidenta da xestora, Victoria Núñez
· O punto de atención abrirá todos os mércores, de 17.00 a 20.00 horas, sen que desbote a ampliación do horario inicial
· O presidente da xestora provincial, Luis Menor aplaudiu a posta en marcha dunha oficina “que vai contribuír a crear unha sede viva, pois temos que ofrecer un espazo de referencia e aberto a todas as persoas”
17, novembro, 2023. A xestora local do PP de Ourense acordou abrir unha oficina de atención e información a afiliados e cidadanía en xeral “que recolla as súas preocupacións e achegas para construír un proxecto de cidade axeitado ás necesidades de todos”. A presidenta da xestora, Victoria Núñez, explicou así o obxectivo dunha iniciativa aprobada durante a reunión semanal que celebra este órgano de dirección.
O punto de atención estará situado na nova sede provincial do partido (avenida de Bos Aires, 33), onde todas as persoas que o desexen serán recibidas os mércores entre as 17.00 e as 20.00 horas. Un horario inicial, pois non se desbota a súa ampliación no futuro.
Logo de mes e medio de traballo que incluíu reunións cos cinco distritos da cidade, así como con diversas entidades e colectivos, “chegou o momento de dar un paso máis para conectar de novo con todas as persoas que se senten identificadas co noso partido”, afirmou Victoria Núñez, que remarca a súa intención de “recuperar e ampliar as bases do partido”, tal e como expresou tralo seu nomeamento o pasado 2 de outubro.
“Escoitar significa comprender”, subliñou a presidenta da xestora, “e ese é o único camiño válido para facer un proxecto no que confíe a cidadanía”.
UNHA SEDE “VIVA”
A reunión semanal dos representantes populares na cidade rematou coa presenza do presidente da xestora provincial, Luis Menor, que aplaudiu a posta en marcha dunha oficina “que vai contribuír a crear unha sede viva, pois se queremos ser representantes da cidadanía tamén temos que ofrecerlles un espazo de referencia e aberto a todas as persoas”.
Menor agradeceu o traballo desenvolvido pola xestora local neste mes e medio, “demostrando que estes órganos, aínda que provisorios, son fundamentais para manter a actividade da formación, especialmente nun momento político tan difícil para o conxunto dos españois e cada vez máis preto das eleccións autonómicas”.