O Psoe reclama explicacións a Feijóo polo cerrojazo impulsado polo PP co termalismo de Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense reclámalle explicacións ao presidente da Xunta de Galicia e líder do Partido Popular galego, Alberto Núñez Feijóo, polo cerrojazo impulsado polos populares co termalismo na cidade de Ourense e que contou coa complicidade dos 8 deputados e deputadas conservadores ourensáns no Parlamento de Galicia. Os socialistas acusan ao PP, tanto a nivel municipal como autonómico, de ser os máximos responsables da “calamitosa” situación que se vive co termalismo na cidade, coas termas pechadas a “cal e canto” e sen albiscar ningunha solución para a súa apertura.

Nunha rolda de prensa, na que estiveron presentes as deputadas autonómicas, Carmen Rodríguez Dacosta e Marina Ortega, ademais do voceiro municipal e secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino e a concelleira, Rosa Martínez, os socialistas anunciaron unha batería de iniciativas para dar unha solución inmediata aos problemas termais na cidade. Un sector, que en palabras dos representantes do PSdeG-PSOE de Ourense, “debería ser clave e estratéxico para a dinamización socioeconómica da cidade e que se atopa nunha situación catastrófica a escasos días da chegada do AVE a Ourense, que nos sitúa a 2 horas e 15 minutos de Madrid e co pulo que isto suporá para a cidade co aumento e a chegada de máis visitantes e turistas”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, incidiu na “responsabilidade política” do Partido Popular, ao que acusou de “inacción manifesta tanto a nivel política, como de xestión das termas e o turismo entre 2015 e 2021”. A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense tamén puxo o foco na aprobación da Lei 8/2019, do 23 d decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, da que sinalou que “racha co termalismo na cidade de Ourense”, apuntando ao respecto que “hai 8 responsables políticos do PP de Ourense que pecharon a boca e votaron a favor da lei sen ter en conta a hecatombe que ía ocasionar na cidade”. Sobre esta Lei, tamén lembrou que o PP “non aceptou as emendas socialistas onde advertiamos que non se contaba cos concellos como eixo vertebrador do termalismo”.

Rodríguez Dacosta destacou que lle preguntará a Feijóo pola súa “valoración das declaracións cruzadas entre a concelleira responsable do termalismo na cidade de Ourense e o alcalde, sobre a situación termal e a apertura das termas públicas”, ademais de que “medidas pensa tomar o goberno galego respecto ao peche das pozas públicas e se pensa facer algo ao respecto”. A deputada socialista tamén incidirá sobre se o presidente da Xunta “vai apostar pola dotación dun gran hotel balneario na cidade, tal e coma prometeu na campaña electoral de 2016” e pediralle unha valoración ao goberno galego “sobre os plans do presidente da Deputación de Ourense de transformar o actual pazo provincial nun gran hotel balneario”, xa que tal e como apunta “ata agora, Feijóo non dixo absolutamente nada sobre este tema”.

Pola súa banda, o secretario provincial e voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, puxo o foco na situación de “desidia e abandono” que se vive no Concello de Ourense, onde os socialistas aproveitaron a xunta de área de termalismo para preguntarlle á concelleira do PP, Flora Moure, por distintas cuestións relacionadas co anunciou  por parte do alcalde do cese de funcións da concelleira ou polo expediente informativo que o alcalde supostamente abriu a xefa de servizo. “A resposta é que non sabe nada ao respecto, o que demostra que temos un termalismo sen definición, sen saber a quen lle corresponde a área e sen data de apertura das termas, como se todo fose alleo as súas competencias”, explica Villarino.

O voceiro municipal sinalou que o Partido Popular a nivel municipal “non sabe nada, non contesta a nada e teñen en estado lamentable o termalismo na cidade de Ourense”. Rodríguez Villarino fixo fincapé no “grave deterioro” dos últimos anos, onde “pasamos de contar nos anos 40 con 2 balnearios, dos que hoxe só queda a Casa de Baños de Outeiro, que se atopa nun estado lamentable e de abandono”. O secretario provincial tamén aproveitou para destacar que Ourense “vai ter un congreso mundial termal, coas termas pechadas, o que é un disparate”. Unha situación que en palabras de Villarino “ten enfadados ao colectivo de Amigos das Termas en particular, aos ourensáns e ourensás en xeral, e aos turistas que chegan a cidade en busca dos recursos termais e atópanse con todo pechado, nunha auténtica catástrofe termal”.

Os socialistas instarán ao goberno galego do Partido Popular a que “realice dunha vez os investimentos reais e necesarios para a cidade de Ourense, no marco do famoso plan estratéxico termal que ten anunciado Feijóo nos distintos orzamentos e dos que non sabemos nada, nunha cidade que ten abandonada a súa sorte”, sinalou Rodríguez Dacosta. Pola súa banda, Rodríguez Villarino rematou afirmando que “seguiremos a loitar por Ourense e trasladámoslle a cidadanía que hai alternativa e que pronto estará ao fronte da cidade de Ourense”.