O Psdeg-Psoe de Castrelo de Miño pídelle ao concello que se emitan os plenos municipais en directo vía streaming para unha “maior transparencia” coa veciñanza

Os socialistas tamén avogan pola gravación das sesións plenarias en formato con imaxe e son para posteriormente aloxalos na web municipal para que a veciñanza “teña acceso á información”

A voceira do PSdeG en Castrelo, Catalina González, considera que “deste xeito” a veciñanza “poderá comprobar de xeito veraz as intervencións e opinións e sacar as súas propias conclusións”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño ven de presentar unha moción para o seu debate na que lle trasladan ao Concello unha proposta na que piden que se proceda a emitir en directo vía streaming os plenos municipais co obxectivo de permitir deste xeito o acceso “universal” de todos os veciños e as veciñas do municipio. As socialistas apostan tamén pola gravación de imaxe e son de tódolos plenos que se emitan a partir da data de presentación de dita moción e que posteriormente se suban a páxina web municipal, co fin de que a veciñanza “teña acceso á información” do que se debate nas sesións plenarias.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que a través das gravacións das sesións cumprirase co “principio de transparencia”, permitindo que os veciños e as veciñas do noso municipio teñan total acceso a información que afecta o seu concello. O PSdeG de Castrelo afirma que a hora fixada para a celebración dos plenos “non permite á veciñanza” asistir e ser informados “debidamente” e apuntan que con estas gravacións deixara de verse afectado un dos piares fundamentais dos plenos municipais, “a transparencia”.

Para a voceira socialista en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, a emisión en streaming e a gravación dos plenos e posterior subida á páxina web municipal “é algo habitual en numerosos concellos do panorama nacional” e apunta a que “non importan as siglas do goberno”, xa que hai concellos tanto de PSOE, como de PP ou BNG que “xa teñen a disposición da veciñanza este servizo”.

Para González Álvarez con estas gravacións e emisións en directos non só se lle facilita o acceso a información á veciñanza, senón que esta “tamén pode comprobar de forma veraz as intervencións e opinións manifestadas nos plenos polas diversas formacións políticas e sacar as súas propias conclusións, sen que estas veñan xa fiscalizadas polas informacións facilitadas polos diferentes partidos”.

Os socialistas agardan contar cun respaldo unánime nunha cuestión que consideran “prioritaria” e que afirman que “mellorará a difusión da actividade política no municipio”. O Grupo Municipal Socialista apunta tamén a que “nos plenos non só se debate sobre cuestións municipais, senón que se aproban obras, melloras, orzamentos ou modificacións que afectan no seu día a día os nosos veciños e as nosas veciñas”.